Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xaneiro, 2008

Eu tamén leo... O Principiño

Inauguramos esta sección para falar dos libros que nos gustan, das lembranzas que nos traen e os bos momentos que nos fixeron e nos fan pasar. Envíanos as túas colaboracións. Eu non son de reler libros por Carlos Villanueva (profesor de Bioloxía) Eu non son de reler libros, pero este tíveno moitos anos sempre perto. Regaloumo un tío da Arxentina cando tiña 13 anos. Xa lera algún capítulo solto en libros de lectura do cole e non me gustara, pero como era un agasallo decidín lelo. O comezar, o libro cóntanos cómo a xente maior xulga o mundo desde o seu único punto de vista... e equivócase. Así, o autor rompe os nosos prexuízos e nos prepara para o resto da lectura. É entón cando aparece o principiño amosándonos a súa visión do mundo dos adultos, a súa amizade co raposo ou o seu amor incondicional pola roseira. Ao final da lectura, un querería seguir a falar con ese neno de risa engaiolante, collelo da man e acariñalo .

LIBROS LIBRES

Desde comezos deste curso vén sendo habitual atopar libros no vestíbulo de entrada á Biblioteca, que podes levar para ti como agasallo. Estes libros agora levan unha etiqueta BookCrossing, que os identifica. Se queres, podes botar unha ollada á páxina do movemento BookCrossing, onde che explican en que consiste: persoas que desinteresadamente ceden os seus libros para que outros os lean. Nesa páxina podes rexistrarte, buscar libros, acudir aos lugares onde se anuncia que se van "liberar" libros, participar no foro... Se liberas algún libro podes seguir a súa viaxe ao redor do mundo: quen o colleu, a onde o levou... Nunca se sabe, un dos teus libros pode acabar en Australia, xa se ten dado o caso. É moi interesante, mira aquí ou no vestíbulo da Biblioteca, onde atoparás a Mesa de Liberación con exemplares novos todas as semanas. Se necesitas axuda para liberar algún libro pídea na Biblioteca a través do Buzón de Suxerencias, indicando o teu nome e curso.