24/3/08

Eu tamén leo... El niño con el pijama de rayas

Este foi o libro máis solicitado na nosa Biblioteca durante o primeiro trimestre, tanto polo alumnado como polo profesorado.


Ler para ser outro, por Anxos García Monasterio (profesora de Francés)


Admitiredes que non é doado facer a reseña dun libro cuxa historia non se debe contar, segundo nos prevén seu editor. E penso que está no certo. Cúmprese aquí aquilo de ler para ser outro. Para ser Bruno. Un neno de nove anos que medra afacéndose a unha realidade confusa sobre a que, inxenuamente, se fai moitas preguntas. E nós, lectores, facémonos nenos, coma el, canda el. E malia intuír, se cadra moi pronto, o que nos pode ocorrer, seguimos lendo, seguimos sendo Bruno, non podemos deixalo; presentimos, si, pero non satisfacemos a nosa curiosidade, queremos saber ata o final. Unha lectura moi recomendable que nos lembra que “ser” é manter os ollos abertos e a mente esperta, incluso cando non ousamos ser rebeldes.