26/9/08

Coñecer mellor a biblioteca

Na páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia encontramos unha divertida actividade para coñecer mellor o funcionamento dunha biblioteca, elaborada polo CEIP Condesa de Fenosa (O Barco). O profesorado que acuda á aula de informática pode aproveitar para realizala cos seus alumnos e alumnas. Animádevos, que está moi ben! Só hai que pinchar aquí.

16/9/08

Somos noticia

Desde a Biblioteca damos a benvida a todos e todas para un novo curso escolar. Esperamos vervos o xoves 18 cheos de enerxía e ilusión!

Ultimamente puidemos ler na prensa moitas novas relacionadas co ensino, como sempre que se inicia a campaña de "Volta ao Cole"... A revista especializada "Magisterio" publicou a comezos deste mes un estudo que está dando moito que falar. Os últimos datos, do curso 2005-2006, poñen a media do fracaso escolar en España nun 30,8%, polo tanto aumentou 2,3 puntos nos dous últimos anos. O problema é serio: case un terzo da nosa mocidade abandona os estudos antes de tempo, sen rematalos, con consecuencias negativas para o seu futuro. Por comunidades podemos comprobar, porén, que as que menos fracaso escolar presentan son, por orde: Asturias, País Vasco, Navarra, Cantabria, Castela e León e Galicia. O fracaso escolar en Galicia, 25,1% , está bastante por debaixo da media estatal, pero aínda así debemos concienciarnos de que aínda queda moito por mellorar.

Por outra parte, a mesma revista vén de publicar un estudo sobre os resultados na selectividade por centros. Este documento é un "Ranking de Selectividade 2007", é dicir, nel aparecen os 291 centros de Galicia que enviaron alumnos e alumnas á Selectividade, ordeados de mellor a peor resultado. Que posto calculades que ten, nese listado, o IES de Tomiño?

Somos o número 9.

Somos o noveno instituto de Galicia en mellores resultados de Selectividade, e o primeiro dos institutos públicos da provincia de Pontevedra. Isto si que é unha boa nova para comezar o curso.

Se queres ampliar esta información, pincha aquí

.....