22/6/10

As goleadoras de Tomiño

O equipo de fútbol sala feminino infantil do IES de Tomiño gañou este ano a final do campionato de liga escolar, e o equipo cadete acadou o segundo posto da súa categoría. A súa adestradora, a profesora Ledicia Seoane, fala con entusiasmo destas alumnas de 1º e 2º de ESO:

- Comezamos o adestramento no pasado mes de novembro - conta - Adestramos un recreo cada semana, e os mércores pola tarde. A partir do mes de febreiro engadimos otura sesión de adestramento, os venres pola tarde no Pavillón Municipal. Posteriormente a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño doou os equipamentos necesarios e xogamos na liga escolar. O Concello aportou tamén os trofeos para a Xornada de Portas Abertas.

Nótase que apreza moito os resultados obtidos en tan pouco tempo. Pero o feito de gañar é o que menos lle preocupa, ela valora máis a mellora que pode ir vendo na coordinación dos movementos e o traballo en equipo.

- Por iso temos que xogar todas e avanzar todas ao mesmo tempo, pois ao final o que conta é o resultado do equipo. Non buscamos "figuras" como noutros equipos onde se te fixas podes ver determinados rapaces que quedan no banquillo todo o tempo: ao facer así os bos seguen sendo bos e os que non o fan tan ben non teñen ocasión de mellorar. Non é iso o que nós queremos, queremos ser un equipo de verdade. A palabra clave é sinerxia, por iso eu sempre lles digo ás rapazas que 2 + 2 = 5, é dicir, como equipo consegues sempre máis cousas que traballando individualmente. O equipo é sempre maior que a simple suma dos seus membros.

En xullo xogarán en Vigo varios torneos. Entre os seus proxectos está participar o vindeiro ano na liga federada, xa que no campionato de deporte escolar hai moi poucos equipos de fútbol sala femininos.
.
- Pediches para a Biblioteca a serie de Laura Gallego titulada "Sara y las goleadoras", recomendándolles esta lectura ás nosas campionas. Por que?
- Creo que lles gustará e poden sentirse identificadas co que se conta neses libros, porque é a historia dunhas rapazas apaixonadas polo fútbol e describe moitas cousas da súa vida, como estudantes no instituto e como deportistas. Hai información na páxina da autora e tamén na páxina da serie, onde se pode descargar o primeiro capítulo dos cinco volumes publicados ata agora: http://www.saraylasgoleadoras.com/