29/11/11

Nova radio en galego

Saudamos con alegría a Anfiteatrogzradio, un proxecto de radio online en Galego, que fomenta os grupos musicais galegos, a literatura do noso País, os blogs do blogomillo... e todo canto teña cabida no mundo da cultura.

Anfiteatrogzradio

Podes colaborar enviando temas musicais se tes unha banda, ou enviando os teus propios podcasts, ou simplemente sintonizando esta radio xa que precisan 130 horas de audiencia diaria para manter viva a iniciativa. Nós engadimos o enlace aos nosos favoritos!

7/11/11

Tomiño pronto terá a súa biblioteca


Tomiño pronto terá a súa biblioteca municipal!

Será nun lugar céntrico e accesíbel para os potenciais usuarios, ao lado do mercado, na antiga casa do médico, que será rehabilitada coa axuda do ministerio de Fomento, grazas a un convenio que a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asinará proximamente.

Celebramos esta noticia, que podes ampliar aquí.

23/10/11

Tomiñés ilustre

A proposta de todos os grupos e, por unanimidade, a corporación de Tomiño decidiu nomear fillo predilecto do concello a Xosé Luís Franco Grande. Nado na parroquia de Tebra, no concello de Tomiño, no ano 1936, Franco Grande, que estudou Dereito na Universidade de Santiago e exerceu a avogacía como asesor xurídico da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, é unha figura destacada do galeguismo, escritor e membro da RAG.
É polas súas importantes achegas á cultura galega e pola súa traxectoria intelectual que se lle nomea fillo predilecto. Foi autor no ano 1968 do Dicionario galego-castelán de Galaxia, libro que serviu de guía ás primeiras xeracións de estudantes de galego. Tamén afondou na poesía, no teatro e no ensaio, chegando a gañar o Premio Eduardo Pondal. A corporación tomiñesa celebrará proximamente un acto para formalizar o nomeamento.

23/9/11

O polémico retorno de Guillermo de Baskerville

      O escritor italiano Umberto Eco volveu a escribir a novela que lle deu fama, El nombre de la rosa, para facela máis accesible ás novas xeracións. O obxectivo é que os que só coñecen a obra por fragmentos lidos en internet poidan lela completa sen dificultade.

      A novela publicouse por primeira vez en 1980, é un auténtico éxito de vendas traducido a máis de 47 linguas e moitos a consideran un dos cen títulos fundamentais do século XX.

      En El nombre de la rosa dous monxes, o franciscano Guillermo de Baskerville (personaxe baseado no filósofo Guillermo de Occam e no detective literario Sherlock Holmes) e o seu pupilo, Adso de Melk, investigan unha serie de asasinatos nun mosteiro benedictino, todos eles relacionados cun libro prohibido. En 1986, o cineasta francés Jean-Jacques Annaud rodou unha adaptación cinematográfica, con Sean Connery no papel de Baskerville e Christian Slater como Adso de Melk.

      O próximo 5 de outubro sae á venda a nova versión, adaptada polo autor, alixeirada das pasaxes máis densas para que os lectores do século XXI, cada vez máis dixitalizados e rápidos, poidan saborear o misterio e o encanto desta famosa novela...

Amplía esta información aquí 

Entéirate da polémica que suscita aquí

20/9/11

Contos estraños


A nosa iniciativa favorita deste mes é a que nos chega da man de Contos Estraños e consiste na procura de novos escritores e ilustradores para comezar con este proxecto editorial. Aceptan toda clase de orixinais relacionados co mundo do estraño, o fantástico e o grotesco. Nos textos, os formatos preferidos son o conto e a novela curta (estas últimas publicaranse por entregas). Os textos deben ir escritos en galego, ou, no caso de estaren escritos noutra lingua e interesen para a súa publicación, a súa tradución correrá por conta do autor. Xunto co orixinal debe entregarse unha breve sinopse e unha pequena reseña biográfica. A recepción de orixinais farase no correo electrónico contosestranhos@gmail.com, pero podes ampliar esta información e seguir a evolución desta iniciativa desde a páxina Contos estraños que queda agregada aos nosos favoritos.

7/9/11

Eu tamén leo... Los hijos de la Tierra

Agora que regresamos despois dos meses de verán, nos que tivemos tempo de ler á nosa vontade, os profesores e profesoras do centro coméntannos as súas lecturas vacacionais. Hoxe Carlos Villanueva, profesor de Bioloxía, fálanos da serie LOS HIJOS DE LA TIERRA, de JEAN M. AUEL:

       Moitos fomos os que sucumbimos nos anos oitenta ao atractivo da historia da nena Cromagnon criada por Neanderthais. Tratábase dunha novela sen gran valor literario, pero moi dinámica, escrita con corrección e, sobre todo, que trataba un tema de gran atractivo para calquera estudante de Bioloxía, a saber, a posible convivencia entre as dúas variedades de homes que ocuparon Europa e Asia Menor durante os últimos períodos glaciais. A autora facía gala dun exhaustivo labor de documentación, e na obra non faltaban referencias aos achádegos arqueolóxicos e estudos sobre a industria lítica máis importantes e avanzados do momento.
       Trinta anos despois, J. M. AUEL dá por rematada a saga, que queda composta definitivamente por seis libros, o último deles publicado hai poucos meses.
       No seu momento eu lera os dous primeiros tomos, para despois perderlle a pista aos que pouco a pouco foron sendo publicados. A aparcición na nosa biblioteca de toda a saga animoume a retomar a súa lectura con ansia de saber do devenir das personaxes e por atopar referencias aos coñecementos que a autora puidese ter vertido nos seus libros.
       O resultado, porén, resultou algo decepcionante. A partir da terceira entrega, os tomos gañan en volume, pero non en interese. As descricións do medio natural fanse tediosas e repetitivas, e as continuas referencias aos títulos anteriores ralentizan innecesariamente a lectura. Ademais, o tratamento que autora da á protagonista acada uns límites de inverosimilitude que case converten á personaxe nunha heroína con superpoderes.
       As narracións seguen a rebosar datos arqueolóxicos pero, na miña opinión, a autora xa non consegue introducilos con acerto na trama. As elucubracións sobre estrutura social e relacións entre grupos parecen máis baseados na fantasía que en datos e, para rematar, o relato dos encontros sexuais dos protagonistas, distribuidos regularmente cada 100 páxinas, son máis propios dunha noveliña rosa para adolescentes que dunha obra que pretende ser lembrada pola sobriedade dos datos que ofrece.

25/8/11

A literatura sen libros

Dúas perspectivas conviven hoxe no universo literario: a tradicional e a dixital. Vivimos un periodo de transición cara a un mundo onde o importante non é coñecer un dato senón saber onde facer click para atopalo.

Soportes electrónicos de lectura, librarías e bibliotecas virtuais, autores cos que debater online, narrativa hipertextual, comunidades culturais en internet, acceso ilimitado a case todo tipo de obras, posibilidade de converterte en creador, en instrumento do saber, da arte ou do entretemento... Todos estes avances non ameazan á literatura, nin sequera ao libro, como tampouco no seu momento a chegada do cine, a TV e a internet significaron, como algúns profetizaban, o final da ficción literaria; pola contra, os autores aprenderon a convivir con estes medios, mesmo adoptaron nas súas obras procedementos do cine, e a relación entre cine e literatura foi e segue a ser fructífera.

Internet propicia un contacto dos autores co seu público cheo de vantaxes para ambas partes. Un escritor pode recibir novas ideas, corrección de inexactitudes ou erratas nos seus libros, bibliografía... mentres o lector recibe adiantos dunha obra, materiais complementarios e confidencias do autor. Interactuar é a clave en Internet, non só se trata de dar información aos lectores senón tamén de recibila, ou tamén, por que non, autor e lector poden crear xuntos. Case todos os autores de éxito teñen webs modélicos, especialmente cando se centran no público xuvenil  (JK Rowling, Laura Gallego). Case todas as editoriais teñen minisites específicos para determinados libros ou autores, ademais de que xa se habituaron a ofrecer online o primeiro capítulo de calquera lanzamento medianamente relevante.

Tamén as comunidades de lectores son fundamentais: nelas os lectores comparten, intercambian, crean, opinan, debaten, propoñen títulos e autores, organizan actividades de todo tipo...

O 80% dos lectores españois ten computadora na casa e o 65% usa internet; deles, o 19% descarga literatura, especialmente os menores de 24 anos e os maiores de 65 (informe da Federación de Gremios de Editores de España).

Desde este blog queremos fomentar a lectura en todas as súas formas e por iso, co comezo do curso, engadiremos unha nova páxina onde se ofrezan enlaces a todos os recursos que os afeccionados á lectura e á escritura podemos utilizar na Rede.

22/7/11

A Biblioteca Dixital Mundial da UNESCO

Ter á man os tesouros das principais bibliotecas nacionais do mundo! Poder acceder gratis e sen límite de tempo a ese exemplar lexendario, único, que cada quen algunha vez soñou con coñecer...
WDL.org é un proxecto creado pola Biblioteca do Congreso de Estados Unidos e a UNESCO que pretende facer realidade este soño.
A información está organizada por Lugares (Asia, América, Africa, Europa, Antártida e Oceanía), Tempo (de 8000 A.C. á actualidade), Temática (Filosofía, Psicoloxía, Relixión, Ciencias Sociais, Linguas, Ciencias Naturais e Matemáticas, Tecnoloxía, Arte, Literatura, Historia e Xeografía), Tipo de artigo (libros, manuscritos, diarios, mapas, películas, gravados, fotografías, gravacións sonoras) ou Institución (de que Biblioteca procede).
A biblioteca comeza cuns 1200 documentos, pero está pensada para recibir un número ilimitado. Non serán documentos correntes, senón con valor de patrimonio, que permitan aprezar e coñecer mellor as culturas do mundo en idiomas diferentes. Neste escaparate inicial expóñense obras procedentes de 32 institucións de todo o mundo que se uniron ao proxecto, que é aberto e seguirá aumentando os seus fondos. Hai mapas, fotografías, vídeos, manuscritos, libros e láminas sobre feitos acaecidos desde o 8000 antes de Cristo ata o presente: códices precolombinos, traballos de científicos árabes desvelando o misterio da álxebra, ósos utilizados como oráculos, estelas chinesas, a Biblia de Gutenberg... Cada xoia da cultura universal aparece acompañada dunha breve explicación do seu contido e o seu significado. Os documentos foron escaneados e incorporados no idioma orixinal, pero as explicacións aparecen en sete idiomas (árabe, chinés, inglés, francés, ruso, español e portugués).


Visita a páxina aquí .

Outros enlaces relacionados

UNESCO

EUROPEANA

12/6/11

Eclipse de Lúa o mércores día 15 de xuño

O próximo mércores 15 de xuño  poderemos observar unha Eclipse Total de Lúa. Comeza cedo, así que cando saia a  Lúa xa aparecerá no horizonte parcialmente eclipsada, pero vale a pena estar pendentes dela pola fermosa cor avermellada que ofrecerá. A eclipse continuará aumentando ata o punto máximo que se producirá ás 20:13 U.T (no noso reloxo, GMT+2, ou sexa: ás 22:13) Esperemos que estea despexado!

5/6/11

Celebrouse a Xornada de Portas Abertas

Celebrouse onte sábado a XPA do IES de Tomiño, e ofrecémosvos algunhas imaxes dela:

Ofrecéronse visitas guiadas polas instalacións do centro para ver aulas temáticas, exposicións de materiais elaborados polo alumnado e profesorado, houbo competicións deportivas, actuacións musicais etc

1/6/11

Este sábado 4 de xuño, Xornada de Portas Abertas

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

- 11:00 h
Semifinais da Liga de Fútbol-Sala Mixto. No Pavillón

- 12:00 h
- APERTURA do Instituto
-  EXPOSICIÓNS dos departamentos didácticos
- VISITAS GUIADAS POLO INSTITUTO
- OBRADOIROS
- Exhibición de Bolos Celtas na cancha de Baloncesto
- Partido amistoso de Fútbol-Sala entre os equipos do IES de Coruxo e o IES de Tomiño. No Pavillón.
- Partida de brilé con participación de todos os visitantes que o desexen.
- Finais Ping Pong. No Ximnasio.
- Presentación das empanadas para o concurso. Na cafetería.

- 13:00 h: 
- Figuras de ACROSPORT . Alumnado de 1º de Bacharelato. No ximnasio.
- Final da Liga de Fútbol-Sala Mixto. No Pavillón.

-14:00 h
- COMIDA. Haberá postos de venta de churrasco e empanada a cargo do alumnado de 4º de ESO.

-16:30 h
REINICIO DAS ACTIVIDADES
-  EXPOSICIÓNS dos departamentos didácticos
- VISITAS GUIADAS POLO INSTITUTO
- OBRADOIROS
- Campionato de Badminton. No Pavillón
- Actuación do Grupo de Baile Tradicional Virxe do Alivio. Na entrada do Instituto

- 18:30 h
COMEZO DAS ACTUACIÓNS MUSICAIS NO ESCENARIO EXTERIOR
- Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal.
- Actuación de baile a cargo de alumnas de 1º e 2º de ESO.
- Actuación de break dance co grupo “Fusion Flow”.

- 20:30 h
- Acto de clausura da Xornada de Portas Abertas
- Entrega de orlas ao alumnado que remata etapa educativa: 4º de ESO, 2º de Bacharelato, 2º de Ciclos Formativos e PCPI.
- Entrega de premios.

Haberá servicio de cafetería durante toda a xornada a cargo do alumnado de 4º de ESO, coa fin de recadar fondos para a súa viaxe de fin de estudos.
Radio Mocidade, a emisora de radio “on line” do Concello de Tomiño, realizará un programa de radio en directo durante a Xornada de Portas Abertas.

19/5/11

Gústache escribir?

Algunha vez pensaches en dedicarte en serio á literatura? Tes obra escrita que che gustaría publicar? Desde o noso portal favorito, Redelibros, xorde unha iniciativa para dar a coñecer novos autores que che pode interesar. Infórmate aquí

17/5/11

Internet e solidariedade

Nace a primeira rede social solidaria: facecoop.org é unha nova rede social, especializada en solidariedade, cooperación e participación para o cambio social. O seu obxectivo é pór en contacto persoas, institucións, organizacións, empresas, etc, interesadas ou que traballan en temas como a igualdade de xénero ou a loita contra a pobreza. Sobre a base dese interese compartido, facecoop.org facilita compartir inquedanzas, experiencias, coñecementos e traballo. Igual que noutras redes, pódense subir documentos, imaxes, audios, vídeos, noticias ou crear eventos.
No día de Internet cómpre lembrar que é esta unha ferramenta para o cambio social ao alcance de todos e todas. Desde aquí saudamos con esperanza esta iniciativa e engadimos o enlace á nosa listaxe de favoritos.



3/5/11

Resultados do Concurso LeFoto

Gañaron o Concurso LeFoto


categoría A: Fabiana Villarroel Rodríguez, 1ºESO-A

categoría B: Fátima Martínez Pereira, 2ºbac-A

categoría C: Carmen Villanueva, profesora de Física (fotografía á esquerda)

A entrega de Premios será o sábado 4 de xuño, durante a Xornada de Portas Abertas. Proximamente concretaremos a que hora exactamente; no caso de non poderen vir recoller o Premio ese día, póñanse en contacto coa coordinadora da Biblioteca, Puri Ameixide.

1/5/11

Maio das Letras

O vindeiro martes 3 de maio o noso alumnado de 1º ESO participará no Correlingua 2011, que este ano será en Salceda.


Por outra parte no noso centro celebraremos a Festa das Letras o venres 20 de maio, con actividades de diverso tipo, Milladoiro das Palabras, etc.

Este ano o Día das Letras adícase a Lois Pereiro, que naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid para continuar os seus estudos e alí fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996) —libro en que se inclúe o ensaio "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia", que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza. De regreso ao país, Pereiro figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións en que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostimento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz —para alén do ensaio xa citado— os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso. En vida Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), poemarios intensos e duros que conteñen pegadas expresionistas e da contracultura. A morte sobreviríalle na cidade Coruña en 1996, afectado pola contaminación do aceite de colza.
Tedes máis información sobre este autor, así como algúns dos seus textos, nunha exposición no vestíbulo do instituto que permanecerá ata o día 20.

25/4/11

A lectura e o goce da pertenza

Por que a lectura é un antídoto poderoso contra a soedade? Cando lemos, psicoloxicamente pasamos a formar parte da comunidade que se describe no relato. Este mecanismo satisfai unha necesidade profundamente humana e evolutivamente importante: a necesidade de pertenza.
Un estudo realizado na Universidade de Buffalo comprobou como se produce este fenómeno. Os investigadores avaliaron aos participantes, 140 estudantes, en función da súa identificación con determinados grupos e o grao de satisfacción que obtiñan da súa pertenza a estes grupos. Despois, a unha parte destes estudantes fixéronlles ler unha pasaxe da novela "Crepúsculo" na que Edward describe as súas sensacións como vampiro e o seu interese romántico por Bela; outros leron unha pasaxe de "Harry Potter e a pedra filosofal", onde Harry está en clase de "Pocións" co profesor Severus Snape. Os participantes tiveron 30 minutos para ler a pasaxe, e indicóuselles que lesen só por pracer. A continuación mediuse a filiación psicolóxica dos participantes cos vampiros e cos meigos; primeiro, aos estudantes díxoselles que pulsasen, coa maior rapidez e precisión, unha tecla que expresaba "meu/eu" cando aparecían en pantalla palabras como "pau de escoba, feitizo, varita, poción", e debían pulsar outra tecla coas palabras "eles/deles" cando aparecían palabras como "vampiro, sangue, non-morto, mordedura". Despois invertiron os términos. A seguir, os investigadores presentáronlles preguntas que indicasen a identificación cos magos ou os vampiros, por exemplo: "Cres que poderías ser capaz de desaparecer e reaparecer noutro lugar?" ou "Como están de afiados os teus dentes?" Tamén se cubriron uns cuestionarios breves para avaliar o estado de ánimo e a satisfacción de vida dos participantes.
Como era de esperar, os lectores de Harry Potter "convertéronse" en magos e os lectores de Crepúsculo en vampiros. Ademais a "pertenza" a estas comunidades de ficción produciu o mesmo estado de ánimo e satisfacción vital que se acada cando se pertence a algún grupo na vida real.

Ampliar esta información aquí

23/2/11

Día de Rosalía











O xoves 24 de febreiro, Día de Rosalía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país. Estes actos están abertos a todo o público que queira asistir, enviando previamente un correo electrónico á oficina at aelg.org para confirmar que poema vai ler cada asistente, e evitar así eventuais repeticións.

- Santiago de Compostela: Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 19:00 horas.
- A Coruña: Kiosko Alfonso, 19:00 horas.
- Vigo: Casa Galega da Cultura, 20:00 horas.
- Lugo: Museo provincial, 19:30 horas.
- Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20:00 horas. Colabora a A. C. Eira Vella.
- Ferrol: Galería Sargadelos, 19:00 horas.
- Ourense. Libraría Torga, 18.00 horas (en colaboración con Gremio LiterAuria).
- Pontevedra. Libraría Michelena, 20:00 horas.

Podedes ampliar esta información aquí

14/2/11

Centenario de Álvaro Cunqueiro


No 2011 temos unha cita
co universo literario e biográfico de Álvaro Cunqueiro: celébrase o centenario do nacemento do escritor.
 
Recursos e información sobre esta conmemoración AQUÍ


A biblioteca pon á túa disposición
a obra de Cunqueiro así como estudos sobre
o escritor e os seus mundos literarios, e tamén a Fotobiografía Sonora editada por Ouvirmos
que contén numerosos textos, fotografías e dous CD, un traballo fermosísimo da profesora Rexina Vega.

16/1/11

No 2011 será noticia

2011 vai ser o Ano Internacional da Química, tal como decidiron a UNESCO e a IUPAC (Unión Internacional de Química Pura e Aplicada). O lema será: “A química, a nosa vida, o noso futuro”.
A química mellorou a nosa calidade de vida desde tempos inmemoriais e en todos os ámbitos da nosa vida: alimentación, potabilización da auga,  recipientes, medicamentos, industria téxtil,  novas tecnoloxías, produtos de limpeza, etc...
O 27 de xaneiro será a cerimonia inaugural en París e a partir dese momento comezarán as actividades conmemorativas que se repartirán ao longo do ano en moitos lugares do mundo: conferencias, concursos, exposicións... Hai moitísimas actividades. A listaxe completa atópase na páxina web do Foro Química e Sociedade.

O ano 2011 coincide co centenario do Premio Nobel de Química outorgado a Marie Curie. Marie Curie foi a primeira persoa en recibir dous premios Nobel en dous campos diferentes e a primeira muller en ser profesora na Universidade de París. Por coincidir co ano do centenario da concesión do premio Nobel de química a Marie Curie, 2011 constitúe un marco ideal para render homenaxe á contribución das mulleres á ciencia e fomentala.


Pola súa banda, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2011 Ano Internacional dos Bosques, para concienciarnos dos beneficios económicos, socioculturais e ambientais que proporcionan os bosques e comprender que son imprescindibles no desenvolvemento sostible do planeta. Entre as actividades previstas figura o estudo de estratexias prácticas para frear a deforestación e a degradación dos bosques. Estímase que cada ano se perden máis de 130.000 km² de bosques. A deforestación representa ata un 20 %  das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, que contribúen ao quecemento global e polo tanto ao cambio climático. Os bosques constitúen o hábitat de ao redor de dous terzos de todas as especies sobre a terra e a deforestación de bosques tropicais produce a perda de biodiversidade de ata 100 especies por día.