28/11/16

O IES de Tomiño chámase IES Antón Alonso Ríos



Como sabedes, nestes primeiros meses de curso estivemos pronunciándonos sobre se o noso centro seguía denominándose co nome da localidade na que se sitúa ou se adoptaba o dalgunha personalidade de relevo vinculada ao noso municipio, nunha toma de decisión que reflectiron os medios de comunicación, tanto a televisión como a prensa.





Case 3000 votos emitíronse, a maioría deles desde a páxina web do centro. A elección do nome do maestro, escritor e político galeguista Antón Alonso Ríos foi apoiada polo 36% das persoas. A defensora das mulleres e dos movementos campesinos, Isaura Gómez, foi o segundo nome máis votado, cun 34%. O mantemento do actual nome, IES de Tomiño, foi a opción preferida dos alumnos e persoal do centro, mais a terceira en número de votos totais (29%).

Antón Hipólito Alonso Ríos (Camporrapado- Silleda, 1887 - Bos Aires, 1980) representa unha loita incansable alentada polo compromiso coa plena soberanía de Galicia, o seu recoñecemento como nación e a defensa das clases populares, a través da súa participación no movemento agrarista e a implicación na colectividades de emigrantes. Tamén procurou a extensión do ensino á zona rural, promovendo un ensino laico, democrático e en galego, como se pon de manifesto na dirección da escola de emigrantes da Aurora del Porvenir en Tomiño.

Foi un destacado orador e articulista, fundamentalmente durante o periodo republicano. Como ensaísta publica Co pensamento na patria galega (Bos Aires, 1942) e A cultura galega na súa dimensión americán (Bos Aires, 1961), sendo figura fundamental da literatura en lingua galega durante o exilio. Posteriormente dará a coñecer a súa fuxida da represión en O Siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte (1979), obra que se reflicte neste documental. Até os últimos anos da súa vida continuará a participar das actividades patrióticas da colectividade galega emigrada.