Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Marzo, 2021

Escribir e ler... Vidas imaxinarias

Cantas veces imaxinamos como será a vida dos demais? Todos temos un biógrafo en potencia en nós. Pero... os historiadores contarannos das personaxes relevantes da Historia os detalles que a nós nos gustaría ler? E canta xentiña interesante non pasaría o cribo da historia ou sería silenciada e nada sabemos dela? Tranquilade todo o mundo, porque para iso inventou  a humanidade a literatura! Para presentar e repartir a obra literaria do 3º trimestre deste curso 2020/2021 que de seguro si pasará á Historia, escollemos ler biografías con marcado pouso literario: Vidas imaxinarias , unha obra do francés  Marcel Schwob, traducido ao galego por Samuel Solleiro, nunha edición impresionante de Aira Editorial, ilustrada por unha chea de mans. Nun obradoiro exprés de biografías microrrelatadas, escribimos o que nos deu a gana de certas personaxes históricas, algunhas delas incluídas en Vidas imaxinarias . Así naceu o que pode ser o noso lema: imaxina, escribe e le!

Ler poesía... nunha Aplicación instantánea

Toca o timpre. Final da terceira hora de clase. Recreo. E nun instante, coma catro ou cinco clics na pantalla do teu móbil, chegan á biblioteca do instituto os valentes que saben que non lles vai pasar nada por ler poesía. Ben ao contrario. Chegan rápido e sorrintes. Algúns xa oíran falar deste e doutros libros de Carlos Negro. Agora era o momento para charlar sobre Aplicación instantánea .  Cadaquén trouxo escollido o poema que máis o rabuñou cos versos. Foi un xeito ameno de improvisar un recital e traducir a subxectividade das letras ao estilo propio, ese que é único e persoal.  Os regaliños para a lectura recitada máis expresiva estaban listos, e aquí deixamos unha proba.  Por certo, os máis maiores do Club tamén lle chantaron o dente a Ninguén morreu de ler poesía , de María Lado e Lucía Aldao, e suxeríronnos que o escollamos para o próximo ano, que seica lle pode gustar a máis xente do instituto. (Anota queda.)