Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Decembro, 2010

Eclipse o día 4

O día 4 de xaneiro de 2011 vaise producir unha eclipse parcial de sol que en España será moi madrugadora: o máximo producirase sobre as 8:45 - 9:00 h, de maneira que na nosa zona o sol xa sairá eclipsado, pois o mencer é ás 9:01 (todas estas son as horas locais). A porcentaxe de sol eclipsado pode variar, estando en torno ao 65% no norte peninsular. Vale a pena madrugar e esperemos que o tempo acompañe, porque ata novembro de 2013 non teremos, na nosa rexión, outra oportunidade coma esta. Non esquezades que para observar a eclipse debedes usar filtros adecuados ou adquirir uns lentes especiais que soen vender nas ópticas por moi bo prezo. Tamén valen os cristais de protección dos soldadores que estean numerados do 14 ao 16. Que tempo fará o día 4? : aquí

Lectura e Fotografía

A Biblioteca do IES de Tomiño vén de convocar un certame de fotografía que vos vai gustar, para toda a comunidade educativa (alumnado, persoal do centro, familias...) e con premios en metálico. O vindeiro mércores 22 entregarase, xunto co boletín de notas, un precioso folleto coas bases de participación, que tamén podedes consultar e descargar na páxina web do centro, no apartado "biblioteca".

Por riba da media española, pero por debaixo da OCDE

INFORME PISA O Informe do Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, ou Informe PISA polas súas siglas en inglés (Programme for International Student Assessment) baséase na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames mundiais que se realizan cada tres anos e que teñen como fin a valoración internacional dos alumnos. Este informe é levado a cabo pola OCDE (Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico), que se encarga da realización de probas estandarizadas a estudantes de 15 anos, medindo a competencia en ciencia, a competencia matemática e a comprensión lectora. Acaban de publicarse os resultados do último informe, no que participaron ao redor de 65 países, e se ben Galicia se sitúa por riba da media estatal nos tres apartados, non hai que esquecer que España está por debaixo da media da OCDE, así que aínda é moito o que nos queda por mellorar. Ampliar esta información aquí