Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta recursos en internet

Feliz dicionario novo

Damos a benvida a un ano novo e a un dicionario novo, DIGALEGO , que en adiante queda engadido aos nosos enlaces habituais á dereita desta páxina e esperamos que vos sexa moi útil. Realizado pola editorial Ir Indo , consta de 65.000 entradas, desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, e considera como entradas todas as formas verbais. Moi útil resulta tamén o “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas e mesmo en chinés.

Educando en valores na aula

No excelente blog KMiño das Letras temos unhas interesantes propostas para traballar en valores na aula, por exemplo en titoría ou en Atención Educativa. Como son curtas, permiten o visionado nunha única sesión e o debate posterior. Algunhas xa as insertamos aquí no pasado, así que agora non o faremos pero pinchando no título podes conseguilas. 1. O Circo das Bolboretas : Esta curta xa é todo un clásico, tratando valores como o respecto ou a dignidade, a necesidade de sentirse aceptados polos demais, romper coas barreiras autoimpostas...  2. Por catro esquiniñas de nada . Esta curta propón aceptar ás persoas que, por un motivo ou outro, son diferentes a nós. Hai que ser tolerantes e solidarias con elas e integralas no noso ambiente, non cambiar a súa forma ou xeito de ser. Neste caso, os seus protagonistas non son persoas senón figuras xeométricas; en concreto, un cadrado e varios círculos. 3.  Pipas : Avalada por diferentes premios, Pipas reflicte a importanc...

Ler online, de balde e legalmente

Nos tempos que corren cada vez é máis difícil chegar a fin de mes, e xa non digamos atopar a un prezo razoable boas propostas de ocio, así que é bo aproveitar as posibilidades da internet, como por exemplo ler online, completamente de balde, moitos títulos en plataformas coma esta:   Feliz lectura!

Redes sociais educativas

Un equipo integrado por persoas de varios países afincados en Madrid lanza unha rede social que funciona como canle educativa informal, pondo en contacto a expertos e persoas que buscan mellorar a súa formación. A plataforma, chamada Skidsy , aspira a converterse nunha escola social onde a educación estea ao alcance de todos os cidadáns. A páxina web ofrece un amplo listado de escolas ou áreas onde todos os cursos, ideas e talleres propostos teñen cabida. "Skidsy xurdiu co obxectivo de brindar á sociedade unha nova forma de educar e aprender, onde todos os individuos teñan a posibilidade de atopar o seu verdadeiro talento", sinala o director xeral executivo e fundador do proxecto, Brian Miguel. O proxecto xa conta con máis de 2.000 usuarios e un catálogo de 500 cursos dispoñibles en toda a xeografía española. Skidsy espera consagrarse como a maior sociedade de aprendizaxe en toda a Península coa súa próxima expansión en Portugal.

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Podes atopar o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos no andel de Novidades da nosa Biblioteca. Ou podes pedírllelo aos Reis... Tamén podes visitar o blog de Carlos Callón

Nova radio en galego

Saudamos con alegría a Anfiteatrogzradio, un proxecto de radio online en Galego, que fomenta os grupos musicais galegos, a literatura do noso País, os blogs do blogomillo... e todo canto teña cabida no mundo da cultura. Anfiteatrogzradio Podes colaborar enviando temas musicais se tes unha banda, ou enviando os teus propios podcasts, ou simplemente sintonizando esta radio xa que precisan 130 horas de audiencia diaria para manter viva a iniciativa. Nós engadimos o enlace aos nosos favoritos!

Contos estraños

A nosa iniciativa favorita deste mes é a que nos chega da man de Contos Estraños e consiste na procura de novos escritores e ilustradores para comezar con este proxecto editorial. Aceptan toda clase de orixinais relacionados co mundo do estraño, o fantástico e o grotesco. Nos textos, os formatos preferidos son o conto e a novela curta (estas últimas publicaranse por entregas). Os textos deben ir escritos en galego, ou, no caso de estaren escritos noutra lingua e interesen para a súa publicación, a súa tradución correrá por conta do autor. Xunto co orixinal debe entregarse unha breve sinopse e unha pequena reseña biográfica. A recepción de orixinais farase no correo electrónico contosestranhos@gmail.com , pero podes ampliar esta información e seguir a evolución desta iniciativa desde a páxina  Contos estraños que queda agregada aos nosos favoritos.

A literatura sen libros

Dúas perspectivas conviven hoxe no universo literario: a tradicional e a dixital. Vivimos un periodo de transición cara a un mundo onde o importante non é coñecer un dato senón saber onde facer click para atopalo. Soportes electrónicos de lectura, librarías e bibliotecas virtuais, autores cos que debater online, narrativa hipertextual, comunidades culturais en internet, acceso ilimitado a case todo tipo de obras, posibilidade de converterte en creador, en instrumento do saber, da arte ou do entretemento... Todos estes avances non ameazan á literatura, nin sequera ao libro, como tampouco no seu momento a chegada do cine, a TV e a internet significaron, como algúns profetizaban, o final da ficción literaria; pola contra, os autores aprenderon a convivir con estes medios, mesmo adoptaron nas súas obras procedementos do cine, e a relación entre cine e literatura foi e segue a ser fructífera. Internet propicia un contacto dos autores co seu público cheo de vantaxes para ambas ...

A Biblioteca Dixital Mundial da UNESCO

Ter á man os tesouros das principais bibliotecas nacionais do mundo! Poder acceder gratis e sen límite de tempo a ese exemplar lexendario, único, que cada quen algunha vez soñou con coñecer... WDL.org é un proxecto creado pola Biblioteca do Congreso de Estados Unidos e a UNESCO que pretende facer realidade este soño. A información está organizada por Lugares (Asia, América, Africa, Europa, Antártida e Oceanía), Tempo (de 8000 A.C. á actualidade), Temática (Filosofía, Psicoloxía, Relixión, Ciencias Sociais, Linguas, Ciencias Naturais e Matemáticas, Tecnoloxía, Arte, Literatura, Historia e Xeografía), Tipo de artigo (libros, manuscritos, diarios, mapas, películas, gravados, fotografías, gravacións sonoras) ou Institución (de que Biblioteca procede). A biblioteca comeza cuns 1200 documentos, pero está pensada para recibir un número ilimitado. Non serán documentos correntes, senón con valor de patrimonio, que permitan aprezar e coñecer mellor as culturas do mundo en idiomas diferentes....

Gústache escribir?

Algunha vez pensaches en dedicarte en serio á literatura? Tes obra escrita que che gustaría publicar? Desde o noso portal favorito, Redelibros, xorde unha iniciativa para dar a coñecer novos autores que che pode interesar. Infórmate aquí

Internet e solidariedade

Nace a primeira rede social solidaria: facecoop.org é unha nova rede social, especializada en solidariedade, cooperación e participación para o cambio social. O seu obxectivo é pór en contacto persoas, institucións, organizacións, empresas, etc, interesadas ou que traballan en temas como a igualdade de xénero ou a loita contra a pobreza. Sobre a base dese interese compartido, facecoop.org facilita compartir inquedanzas, experiencias, coñecementos e traballo. Igual que noutras redes, pódense subir documentos, imaxes, audios, vídeos, noticias ou crear eventos. No día de Internet cómpre lembrar que é esta unha ferramenta para o cambio social ao alcance de todos e todas. Desde aquí saudamos con esperanza esta iniciativa e engadimos o enlace á nosa listaxe de favoritos. Visitar facecoop  

Centenario de Álvaro Cunqueiro

No 2011 temos unha cita co universo literario e biográfico de Álvaro Cunqueiro: celébrase o centenario do nacemento do escritor.   Recursos e información sobre esta conmemoración AQUÍ A biblioteca pon á túa disposición a obra de Cunqueiro así como estudos sobre o escritor e os seus mundos literarios, e tamén a Fotobiografía Sonora  editada por Ouvirmos que contén numerosos textos, fotografías e dous CD, un traballo fermosísimo da profesora Rexina Vega.

Redelibros

Nace a primeira rede social galega adicada aos libros: redelibros que vai ser punto de encontro para todo o universo do libro en Galicia: lectores, escritores, libreiros, bibliotecarios, editores, etc. Esta rede permite ao usuario crearse un perfil e participar en foros de debate, chatear cos amigos, subir textos propios, títulos novos e arquivos de audio, comentar e recomendar obras, entre otras cousas. Pódese consultar máis de un millón de libros, e moitos destes títulos ademais ofrecen o primeiro capítulo na rede. O papasol celebra esta iniciativa e xa se rexistrou así que vémonos alí e comentamos as nosas lecturas!

Novo blog de Forestais

Saudamos con alegría a chegada dun novo blog á comunidade: XANZÁ. Trátase dunha iniciativa dos nosos compañeiros do Ciclo de Forestais, non deixedes de visitar a páxina (tedes un enlace permanente desde aquí, en "páxinas útiles"). O papasol deséxalle unha feliz andaina na Rede!!!

PROXECTO COMENIUS

Un grupo de profesores do IES de Tomiño está participando, en colaboración con centros de varios países europeos nun proxecto Comenius. O noso proxecto titúlase « Os Medios de comunicación, unha canle para Europa » (Les médias: un canal pour l'Europe). Este traballo ten como obxectivo sensibilizar ao alumnado (14-17 anos) acerca da súa pertenza a Europa, mediante o uso dos medios de comunicación (prensa, televisión, internet, radio), facilitar o diálogo intercultural, favorecer a educación e desenvolver unha posición crítica cos medios de comunicación. Neste proxecto bianual está previsto realizar diferentes actividades: · enquisas · revista de prensa (analizar como un mesmo suxeito é tratado nos diferentes países europeos) · concursos de fotoperiodismo · colaboración con profesionais dos medios de comunicación · elaboración dunha Primeira Páxina · creación dun Xornal · análise de medios de prensa europeos en diferentes formatos Consulta a páxina do Comenius aquí Este sitio web, co...

Coñecer mellor a biblioteca

Na páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia encontramos unha divertida actividade para coñecer mellor o funcionamento dunha biblioteca, elaborada polo CEIP Condesa de Fenosa (O Barco). O profesorado que acuda á aula de informática pode aproveitar para realizala cos seus alumnos e alumnas. Animádevos, que está moi ben! Só hai que pinchar aquí .

O mes das Letras Galegas

Ao longo do mes de maio son moitas as iniciativas en prol da nosa lingua organizadas por diversas entidades, por exemplo o Correlingua , que será o xoves 15 de maio, en Salceda , e do noso centro acudirán os grupos de 3º ESO. A saída será ás 9:30h. e regresarán para as 14:30h. De entre as iniciativas que se poden ver na Rede, poida que vos pareza graciosa esta: a agrupación comarcal luguesa da Mesa pola Normalización Lingüística organizou o concurso Mobilízate pola túa lingua dentro da campaña "Polo dereito a vivirmos en galego" de cara a promover a manifestación que co mesmo lema se vai celebrar en Compostela o vindeiro 18 de maio . Recibiron moitos videos interesantes, a duración máxima é de dous minutos, e poden verse os finalistas no blog da Mesa en Lugo . Recomendámosvos especialmente o chiki friki do galego. Se queres acudir á manifestación en Compostela o domingo 18 de maio, saberás que comeza ás doce na Alameda e rematará na Praza da Quintana. A Concellería de Mocid...

Lingua de amor

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a II edición de Lingua de Amor , o concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico. Lingua de Amor ten como obxectivo principal dinamizar o uso da lingua galega en espazos de comunicación habituais para a mocidade como son os correos electrónicos, chats, foros... Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina http://www.linguadeamor.eu/ e enviar unha declaración de amor en galego (máximo 350 caracteres). A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008 . Nesta edición establécense dúas categorías de idade (de 14 a 19 anos e de 20 a 30). En canto aos premios, haberá tres por cada unha das categorías: Categoría A: 1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego 2º DVD portátil + un lote de libros en galego 3º MP3 + un lote de libros en galego Categoría B: 1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego 2º O...

E ti que libro es?

Con que libro te identificas? Cal cambiou a túa forma de ver o mundo? Que libro serías se, como na novela Fahrenheit 451 , de Ray Bradbury, as persoas fósemos libros? Estas son as preguntas que Escola de Escritores propón aos internautas que respondan no proxecto "A túa vida nun libro" a través de Internet. Escola de Escritores realizará unha consulta aos internautas hispanohablantes desde o próximo 1 de abril ata o 23, Día do Libro, na que os invitará a elixir os libros que marcaron un antes e un despois na súa vida, creando un vínculo emocional entre as persoas e as súas lecturas. Pretenden así animar á reflexión sobre a lingua e a literatura coincidindo coa celebración do Día do Libro, o 23 de abril, do mesmo xeito que xa fixo en anos anteriores coas iniciativas "Apadriña unha palabra en vías de extinción" e "A palabra máis fermosa do español" . "A túa vida nun libro" desenvolverase en Internet, a través do portal http://www.escueladeescrit...

LIBROS LIBRES

Desde comezos deste curso vén sendo habitual atopar libros no vestíbulo de entrada á Biblioteca, que podes levar para ti como agasallo. Estes libros agora levan unha etiqueta BookCrossing, que os identifica. Se queres, podes botar unha ollada á páxina do movemento BookCrossing, onde che explican en que consiste: persoas que desinteresadamente ceden os seus libros para que outros os lean. Nesa páxina podes rexistrarte, buscar libros, acudir aos lugares onde se anuncia que se van "liberar" libros, participar no foro... Se liberas algún libro podes seguir a súa viaxe ao redor do mundo: quen o colleu, a onde o levou... Nunca se sabe, un dos teus libros pode acabar en Australia, xa se ten dado o caso. É moi interesante, mira aquí ou no vestíbulo da Biblioteca, onde atoparás a Mesa de Liberación con exemplares novos todas as semanas. Se necesitas axuda para liberar algún libro pídea na Biblioteca a través do Buzón de Suxerencias, indicando o teu nome e curso.