Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Club de Lectura de ESO

Club de Lectura 2021/2022: preinscrición

Volve o Club de Lectura da Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos! Continuamos adaptándonos aos protocolos sanitarios pero non deixamos de ter ganas de ler e de debater despois. E neste curso esperemos que nada impida que fagamos unha saída extraescolar en xuño. Podes ler aquí información xeral sobre a organización durante este curso 2021/2022.  Para participar, tes que preinscribirte cubrindo o seguinte formulario, antes do 15 de outubro. Tamén podes pasar pola Biblioteca e anotarte alí mesmo.     Cargando…

Escribir e ler... Vidas imaxinarias

Cantas veces imaxinamos como será a vida dos demais? Todos temos un biógrafo en potencia en nós. Pero... os historiadores contarannos das personaxes relevantes da Historia os detalles que a nós nos gustaría ler? E canta xentiña interesante non pasaría o cribo da historia ou sería silenciada e nada sabemos dela? Tranquilade todo o mundo, porque para iso inventou  a humanidade a literatura! Para presentar e repartir a obra literaria do 3º trimestre deste curso 2020/2021 que de seguro si pasará á Historia, escollemos ler biografías con marcado pouso literario: Vidas imaxinarias , unha obra do francés  Marcel Schwob, traducido ao galego por Samuel Solleiro, nunha edición impresionante de Aira Editorial, ilustrada por unha chea de mans. Nun obradoiro exprés de biografías microrrelatadas, escribimos o que nos deu a gana de certas personaxes históricas, algunhas delas incluídas en Vidas imaxinarias . Así naceu o que pode ser o noso lema: imaxina, escribe e le!

Ler poesía... nunha Aplicación instantánea

Toca o timpre. Final da terceira hora de clase. Recreo. E nun instante, coma catro ou cinco clics na pantalla do teu móbil, chegan á biblioteca do instituto os valentes que saben que non lles vai pasar nada por ler poesía. Ben ao contrario. Chegan rápido e sorrintes. Algúns xa oíran falar deste e doutros libros de Carlos Negro. Agora era o momento para charlar sobre Aplicación instantánea .  Cadaquén trouxo escollido o poema que máis o rabuñou cos versos. Foi un xeito ameno de improvisar un recital e traducir a subxectividade das letras ao estilo propio, ese que é único e persoal.  Os regaliños para a lectura recitada máis expresiva estaban listos, e aquí deixamos unha proba.  Por certo, os máis maiores do Club tamén lle chantaron o dente a Ninguén morreu de ler poesía , de María Lado e Lucía Aldao, e suxeríronnos que o escollamos para o próximo ano, que seica lle pode gustar a máis xente do instituto. (Anota queda.)

25/02 2ª lectura do club de alumnado

 Na semana de Rosalía, volveuse xuntar o noso Club de Lectura de alumnado. Xa din as poetas María Lado e Lucía Aldao que Ninguén morreu de ler poesía . E logo do Día de Rosalía, escollemos unha obra poética que contecta moito coas canles sociais. Por iso o envolvemos así. Ai, como nos gusta que o libro estea empaquetado, porque así é como abrir un regalo, que tamén o é!! E o libro escollido é...

Ler un mundo... cuántico

 A nosa primeira lectura levounos ata un mundo cuántico. Trátase do libro que inicia a historia de Niko en La puerta de los tres cerrojos .   Na xuntanza de debate lector, primeiro quixemos coñecer algo máis sobre a autora do libro: a divulgadora científica Sónia Fernández-Vidal . A integrante do club Raquel, de 1º ESO C, verdadeira lectora fascinada pola física e seguidora dos pasos da escritora, contounos algúns datos desta científica catalá. Ata nos mostrou toda a súa colección de libros seus desta materia!  A lectura tivo puntos claros e outros escuros, máis duns ou doutros segundo cada un de nós. Houbo quen agradeceu que a autora suavizara un tema como a física cuántica para facilitar que ata os rudos na materia entenderamos certas leis. Houbo quen se centrou máis na parte narrativa e botou en falta algo máis de relación humana na historia. Con todo, compartimos co protagonista o valor da amizade e do amor. Tamén concordamos co sentido de moitas sentenzas do lib...

4/02: Reunión do club de lectura do alumnado

 Xentiña lectora?! Imos quedar no recreo do xoves 4 de febreiro, para charlar sobre a nosa primeira lectura: La puerta de los tres cerrojos, de Sónia Férnandez-Vidal. Tendo en conta a importancia da física na trama do libro, onde vai ser a nosa xuntanza? No laboratorio de Física.  Vémonos! 

Club de ciencia ou club de lectura?

Era tanta a ilusión "por volver" que xa quixemos facer un dous por un, porque claro que queriamos retomar o club de lectura de alumnado, pero tamén nos tenta crear un club de ciencia. E para que escoller? O Club de Lectura de alumnado retoma o camiño das lecturas compartidas neste curso 2020/2021 e a primeira aproximación decidimos que fose á ciencia. Gústavos ler narrativa de ciencia-ficción? Nos tempos que corren, a vida parece que quere demostrar que os avances científico-técnicos interveñen máis nas nosas vidas do que nos parecía... Talvez teñamos que reler con outros ollos Un mundo feliz , de Aldous Huxley, unha obra de 1932. Presentamos a nosa primeira proposta lectora: La puerta de los tres cerrojos , da escritora e científica catalá Sónia Fernández-Vidal.   Veremos se nos enfeitiza durante este Nadal esta mestura lectora de narrativa e física cuántica. Mirade agora un resumo da nosa primeira xuntanza:

Ler as árbores

  Os clubs de lectura do IES Antón Alonso Ríos botámonos a ler o monte, á espera de que agromen as follas, pare de chover e xa poidamos botarnos ao monte de verdade. En consonancia co proxecto de investigación interdisciplinario que se impulsa dende a Biblioteca, A árbore dá/da vida , para arrancar coas lecturas do ano seleccionamos literatura de natureza. Estes foron os escollidos: - Adultos: El clamor de los bosques , de  Richard Powers. - 3º-4ºESO/Bach./FP: A terra de Anna , de  Jostein Gaarder. - 1º/2º ESO: O home que plantaba árbores, de Jean Giono.  Na xuntanza poslectura, primeiro botámoslle unha partidiña ao Sabidurius, guiados polo noso participante Antón, que foi quen indagou como vai este xogo de mesa. Despois nós adaptámolo con léxico de A terra de Anna e nunca xogar ás definicións foi tan divertido: dodo, caribú, carbúnculo, bonobo...   Logo, chegou o debate. De O home que plantaba árbores , gustounos a perseverancia do anciá...

Ruta de álbum ilustrado

Para pechar as xuntanzas dos nosos clubs de lectura por 2019, fixemos unha ruta literaria. Equipaxe? A maleta de álbum ilustrado para Secundaria do CFR de Vigo. Nesta actividade cos Clubs de Lectura  de alumnado e de adultos do  IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), os seus compoñentes  actuaron de comité de selección dunha morea de álbums ilustrados e suxeriron as obras que estaría ben adquirir para a nosa biblioteca. Gustounos confirmar que, en canto á literatura, tamén hai tantos gustos coma cores. E preguntámonos: para unha biblioteca escolar, só o profesorado pode escoller materiais? Dámoslle voz e voto ao alumnado que queremos invitar a ler á hora de adquirir obras?  Pódense abrir canles para que tamén suxiran materiais outros membros da comunidade educativa? Dende o Equipo de Biblioteca estabamos seguros de que os membros de clubs de lectura serían un bo comité de selección. Pedímoslles argumentación a favor ou en contra da compra e xa temos unha listaxe list...

Para rir e pensar, tamén vale ler

Achégamonos nas primeiras propostas lectoras a libros que recorrentemente aparecen nas listaxes de "literatura de humor". Ese foi agora o noso fío condutor. Serve a literatura para rir e pensar? Conseguiron estes autores facernos rir ou sorrir? Aquí deixamos un resumo da primera sesión de debate lector cos dous grupos de club de lectura de alumnado do IES Antón Alonso Ríos. Os de 1º e 2º ESO tentárono con A miña familia e outros animais, de Gerald Durrel, pero esas looongas descricións de toda caste de bichiños fixeron que botaramos de menos máis diálogos, que si eran atolados e chispeantes. O mellor foi poder comparar o noso profe de bioloxía Carlos Villanueva co protagonista do libro, con Gerry; Carlos e a súa colección axudáronnos a valorar a diversidade biolóxica e a diversidade de gustos polo que facer no tempo de cadaquén.  Na quedada tamén houbo un momento contacontos, porque os libros ilustrados non son só para a rapazada pequena. A mirada delicada aos...

Tres, dous, un... Clubs de Lectura 19/20

Xa houbo primeira vez dos Clubs de Lectura 2019/2020. Son tres os grupos lectores neste curso: - grupo de 1º e 2º ESO (15 integrantes) - grupo de 3º ESO, 4º ESO, Bacharelato e FP (9 integrantes) - grupo de adultos  (9 integrantes) Para comezar as xuntanzas, nada como buscar un bo principio. Debatemos sobre o que nos ten que dar un libro no seu comezo para que piquemos no anzol. Seica estes son grandes comezos, grandes íncipits da historia da literatura. En grupos, buscámolos na nosa biblio -porque sabemos moito da CDU...!-, lemos o íncipit e valorámolo. Igual os gustos están cambiando moito nas novas xeracións, porque ao alumnado non lle din moita alá moita cousa as primeiras palabras ou liñas de grandes obras da literatura universal.  Os tres clubs quedamos en ler con puntos de conexión. Neste primeiro trimestre, a unión quere ser o humor. Disque as obras propostas espertaron o riso noutros lectores. E a nós? Somos de risa lixeira? Será un libro capaz de facerno...

Saída lectora co Club de Lectura do Baixo Miño

Durante este curso, botou a andar o Club de Lectura do Baixo Miño, composto polos grupo de alumnado destes centros educativos: CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), IES A Sangriña (A Guarda), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e mais o noso.  Estes catro centro xuntámonos en tres ocasións e este é resumo en vídeos do última quedada.    Fomos ata Vigo, para facer a ruta literaria de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta , guiados pola propia autora. Na cidade olívica tamén visitamos dúas tipoloxías de bibliotecas públicas: a Biblioteca Nodal Xoán Compañel e a Biblioteca-Centro de Documentación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.  Logo trasladámonos ao escenario de A praia dos afogados en   Panxón (Nigrán). Durmimos unha noite da Residencia de Tempo Libre de Panxón e, ese venres á noitiña, celebrouse unha actividade en torno á narración oral a partir do álbum ilustrado Los misterios del señor Burdick .  O sábado pola mañá tivo lug...

Clubs de lectura da ESO: última quedada 18/19

Vén fin de curso e, antes de centrarnos no empacho de exames, quixemos clausurar os nosos dous clubs de lectura da ESO. Este ano consolidáronse dous grupos: o de 1º e 2º ESO e o de 3º e 4º ESO. Con todo, gustounos facer as xuntanzas o mesmo día e todos escoitaron as intervencións de cada un de nós e o debate sobre as lecturas. Aprendemos lendo, falando, escoitando, debatendo... Neste 3º trimestre, lemos por moitos motivos, e ler para logo ir de ruta tamén é unha razón moi válida. Xunto coas nosas novas amizades do Club de Lectura do Baixo Miño (IES A Sangriña, IES Indalecio Pérez Tizón e CPI Manuel Suárez Marquier), acordamos ler:  - Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta , de Ledicia Costa, entre o alumnado de 1º e 2º ESO. - A praia dos afogados , de Domingo Villar, entre os que cursan 3º e 4º ESO. Logo de xantarmos xuntos, e antes do debate lector propiamente dito, botámoslle unha xincana das nosas. Desta volta, como se foramos Leo Caldas, tocounos Ca...

Xuntanza poslectura - 1ª aval. - Club de Lectura de ESO

Outro luns máis, volvemos xuntarnos os integrantes do club da ESO. Desta volta, tocaba quedada poslectura. Despois de xantarmos xuntos, agardábanos unha sobremesa novidosa: un escape room deses que están de moda agora. En si, éche coma un xogo de pistas pero hai que ir contrarreloxo para atopar unha chave que te libere do espazo en que te encerraron. Nós quedamos pechados na biblioteca do noso centro. Estas son algunhas das obras que se mencionaban nos libros que lemos e que tamén apareceron no escape room . Se queredes saber se logramos saír, dádelle ao play, aínda que quede claro que unha biblioteca non é un lugar do que haxa que fuxir. Máis ben, ao contrario... Logo repartímonos en grupos de debate e parolamos sen vergonza sobre a nosa experiencia lectora con estes dous libros, pero rematamos de novo todos xuntos. Os de 1º e 2º ESO presentáronlles o seu libro Mentira aos de 3º e 4º ESO e estes fíxéronlles tamén un resumiño e unha valoración de Palabras envelenadas ....

aviso 2ª xuntanza - Club de Lectura ESO

Vémonos ou non? Recordade traer xa o libro que vos emprestamos. Non esquezades tampouco o voso xantar. Logo de comer, falaremos de...

Club de Lectura da ESO, en marcha!

Arrancou novembro e tamén o noso club de lectura composto por alumnado da ESO. Comezamos xantando xuntos -comer en grupo une moito- e logo, xa na biblioteca, empezaron as presentacións e recollemos, nun mural, as nosas razóns para ler. Colgámolo no corredor e así mostramos con orgullo o noso gusto pola lectura. Logo, de volta na biblioteca, agardábanos unha chuvia de portadas. Todas tiñan en común a palabra clave mentira ou palabras , coma nos libros que foran escollidos para lermos. Cal sería? E que portadas nos chamaban a atención? E por que? E a que libro nunca lle botariamos a man nunha biblio ou nunha librería? Condiciónamos moito á hora de escoller unha lectura a portada do libro? Finalmente, vimos dous booktrailers realizados por outros mozos e así soubemos os libros que escolleran para arrancar co club de lectura. Os de 1º e 2º ESO imos ler Mentira , de Care Santos e os de 3º e 4º ESO ímoslle menter o dente a Palabras envelenadas , de Maite Carranza . E así fo...