Saltar ao contido principal

Hora de ler

HORA DE LER NO IES ANTÓN ALONSO RÍOS



- A quen implica

A todo o profesorado e alumnado da ESO. Por lei, non afecta ao Bacharelato nin aos Ciclos Formativos e FPbásica, aínda que poden decidir voluntariamente sumarse a esta actividade.

- Cando se fai

É unha hora semanal, simultánea para todo o alumnado e profesorado da ESO, cambiando cada semana á hora de clase seguinte para que non lle coincida sempre ao mesmo profesor/a coa mesma asignatura e mesmo grupo.  Así, garántese a participación de todos e todas.
Hai calendarios nas aulas e mais nas cortizas do centro, para planificar con antelación os exames e demais actividades que poidan interferir.
Debe ser simultánea para toda a ESO. Polo tanto, cando un día non se poida realizar a hora de lectura (porque hai unha saída, unha charla etc.) esta non se recuperará noutro momento.

- Como se fai

Non se leva o alumnado á Biblioteca: a lectura realízase co profesor ou profesora con quen se tiña clase, e na mesma aula ou espazo onde se tiña clase.
Durante esa hora, alumnado e profesorado lerán, de maneira individual e silenciosa, o que queiran, libremente. A actividade non é avaliable. Cada un traerá o que vaia ler: libros, revistas, prensa... dentro do adecuado a unha aula dun centro educativo.
Cando a situación sanitaria pola Covid-19 o permita, nas aulas de referencia da ESO haberá zona denominada BIBLIOTECA DE AULA na librería do fondo das clases, con exemplares da nosa biblioteca, para que, se algún alumno/a non ten ningún libro, poida coller un e así non dificultar o normal desenvolvemento da sesión. O desexable é que cadaquén traia o seu material. Se algún alumno/a non trouxo nada para ler pode decantarse por unha das suxestións levadas para esa biblioteca de aula, que permanecerá nesa clase durante un trimestre. Ao trimestre seguinte, cambiaranse as suxestións levadas a cada aula.

O Equipo de Biblioteca rexistrará os libros da biblioteca de aula de cada grupo nun trimestre concreto e comprobará que están todos ao remate dese tempo. Tamén hai un caderno en cada aula para que o profesor ou profesora deixe por escrito como se está desenvolvendo a hora de ler.

- Lexislación sobre fomento da lectura

- A Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, sinala a necesidade de prestar atención prioritaria aos factores que favorecen a calidade da ensinanza, mencionando expresamente o fomento da lectura e o uso de bibliotecas. O artigo 19 sinala que na Educación Primaria, a fin de fomentar o hábito de lectura, se dedicará un tempo diario á mesma. No caso do Ensino Secundario Obrigatorio, o artigo 26 sinala como un principio pedagóxico a dedicación dun tempo á lectura na práctica docente de todas as materias. Polo que respecta ao Bacharelato, o artigo 33 da Lei Orgánica de Educación contempla como obxectivo o afianzamento dos hábitos de lectura, estudo e disciplina como condicións necesarias para o eficaz aproveitamento da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
- O Decreto 133/2007, de 5 de xullo, que regula as ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria en Galicia, di textualmente no artigo 5º:  "A lectura constitúe un factor primordial para o desenvolvemento das competencias básicas. Os centros docentes garantirán na práctica docente de todas as materias un tempo dedicado á lectura en todos os cursos da etapa, de acordo co Proxecto Lector do Centro".