Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: outubro, 2010

Regresa a HORA DE LER

O vindeiro martes 2 de novembro retomamos a nosa Hora de Ler , unha sesión de lectura semanal, simultánea para toda a ESO, da que tedes información nas aulas de referencia e nos taboleiros do centro. As caixas de lectura xa foron depositadas en todas as aulas, e como novidade tedes este ano, en cada caixa, unha libretiña para apuntar as incidencias, dúbidas e suxestións que vaian xurdindo. Na mesma libreta podedes anotar as vosas opinións sobre os libros que leades, e todas as persoas que o fagan, profesores e alumnos, entrarán no sorteo de lotes de libros e material escolar que se fará no mes de abril, con motivo das celebracións do Día do Libro .

O Premio Nobel

O Premio Nobel é un galardón moi codiciado pero tamén moi polémico, que entrega todos os anos a Academia Sueca. Segundo deixou escrito Alfred Nobel no seu testamento, o Premio Nobel de Literatura débese entregar cada ano a aquela persoa que produza a obra literaria máis destacada na dirección ideal, pero hai moito tempo que a crítica literaria opina que non se está facendo así e é evidente que moitos autores mundialmente recoñecidos nunca recibiron un Nobel aínda que o merecían de sobra. Así que se nunca gañas un Nobel non te preocupes: estarás en compañía de Tolstoi, Proust, Joyce, Nabokov, Kafka, Borges, Cortázar... Este ano o galardón será para Mario Vargas Llosa , autor de obras narrativas, ensaísticas e teatrais de repercusión mundial, algunhas delas levadas ao cine. Vén a coñecer a obra de Vargas Llosa na nosa biblioteca.