Saltar ao contido principal

Día da Paz

O vindeiro 30 de xaneiro celebraremos o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Non perdas as actividades programadas para o recreo dese día, entre elas a confección de grous de papel.
Nos recreos do luns, martes e mércores podes aprender a confeccionar esta ave, símbolo da paz, no posto que se instalou no vestíbulo. Por se queres ir practicando deixámoste este titorial:




Ademais das exposicións que xa podes ver no vestíbulo, o día 30 no recreo, o alumnado de 2º ESO colocará nun gran mapamundi cales son os conflictos que actualmente existen nos diferentes países mundo para que tomemos consciencia da situación. Cara ao final do recreo, todos os que teñan un ou máis grous de papel poderán colocalos no espazo habilitado para iso, como símbolo do seu desexo de paz.

Tamén se proxectarán videos como por exemplo este, "Abrazos", e haberá un grupo de persoas que lle darán abrazos a quen os queira recibir.


 


Sempre é bo reflexionar sobre a importancia da Paz nos nosos corazóns e na nosa contorna para construír un mundo mellor. "Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño" dixo Gandhi.
Gandhi naceu en Porbandar, India, en 1869, e tras graduarse en dereito en Inglaterra, instalouse en África do sur e loitou alí contra a discriminación de que eran obxecto os indios. Ao volver á India organizou a resistencia non violenta (a súa filosofía, de base relixiosa, tiña por principio fundamental a non violencia) contra o colonialismo e a non cooperación coa administración inglesa. Pola importancia deste home como símbolo da paz celébrase nas escolas o 30 de xaneiro como Día da Paz e a Non Violencia, en recordo do 30 de xaneiro de 1948, día en que Gandhi foi asasinado por un extremista hindú.
Esta celebración é, xa que logo, unha oportunidade máis de contribuír a que os centros sexan instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión. Non esquezamos que a escola é un reflexo dunha sociedade coa que comparte defectos, pero nela tamén se educa para a vida e búscase desenvolver no alumnado as capacidades e competencias necesarias para unha participación social activa. Por todo iso, habemos de contribuír, a través da educación, á concienciación de todos na construción dun mundo mellor, un mundo máis xusto e máis humano que permita que todos os individuos teñan a mesma oportunidade de desenvolver plenamente as súas facultades no seo dunha sociedade democrática, libre, xusta, responsable e en paz.