Saltar ao contido principal

Imos ó teatro: achegámonos a Cousas de Castelao


O pasado venres 10 de febreiro, uns douscentos alumnos de 1º e 4º de ESO asistiron na Casa da cultura a unha representación teatral baseada no clásico da literatura gallega Cousas, de Castelao.

Nesta proposta teatral da man de Os Quinquillans tentouse ser fiel á obra, publicada en 1926, e composta por pequenos relatos que o autor de Rianxo ilustraba cun debuxo. Na esencia de Cousas está a sociedade galega, o retrato dunha época afastada no tempo, pero con moito de global e atemporal.

A montaxe provocou en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa; mais tamén estivo moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden da obra. Apareceron en escena relatos tan coñecidos como "O pai do Migueliño", que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o "Rifante", que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame. Estes e outros relatos que se mesturaron na escena con pinceladas sobre o propio Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e un dos autores que mellor entendeu e representou o pobo galego.