Vai o 2019 andando e segue en ruta o Club de Lectura de Adultos. Durante o Nadal, estivemos tapados do frío coas páxinas da nosa segunda lectura: Del color de la leche, de Nell Leyshon.
Amizades coa lectura como entremento principal recomendáronnos esta obra e, en xeral, resultou sorpresiva no estilo de escrita. Os máis afeitos a ler obras de suspense pronto adiviñaron o final, rápido ataron cabos. No que si estivemos moitos de acordo é nas similitudes da cultura da obra coa cultura galega doutros tempos, mesmo o humor da protagonista nos parecía galego. Se non nos din onde está ambientada podería pasar por galega.
Logo, realizamos unha rolda de propostas lectoras: cadaquén tiña que traer unha recomendación lectora. Varios foron os que non se puideron limitar a unha soa peza, mais así xa temos o caixón das futuras lecturas cheo de opcións. Entre todos os partipantes, escollemos a que vai ser a nosa cuarta lectura. Para máis adiante, falamos dela, ou delas, porque van ser dúas.
Ao remate da sesión, repartimos a terceira obra na que nos imos somerxer. E decidimos saír da zona de confort:
A banda deseñada é un eido pouco explorado polos clubs de lectura de xente adulta. Así que imos comezar 2019 con verdadeiro obxectivo innovador e saír dos formatos novelísticos máis usuais. A ver que comentan os nosos participantes á volta dunhas semanas. Dun xeito ou doutro, ha de dar para conversar.