Os clubs de lectura do IES Antón Alonso Ríos botámonos a ler o monte, á espera de que agromen as follas, pare de chover e xa poidamos botarnos ao monte de verdade. En consonancia co proxecto de investigación interdisciplinario que se impulsa dende a Biblioteca, A árbore dá/da vida, para arrancar coas lecturas do ano seleccionamos literatura de natureza. Estes foron os escollidos:
- Adultos: El clamor de los bosques, de Richard Powers.
- 3º-4ºESO/Bach./FP: A terra de Anna, de
Jostein Gaarder.
Jostein Gaarder.
- 1º/2º ESO: O home que plantaba árbores, de Jean Giono.
Na xuntanza poslectura, primeiro botámoslle unha partidiña ao Sabidurius, guiados polo noso participante Antón, que foi quen indagou como vai este xogo de mesa. Despois nós adaptámolo con léxico de A terra de Anna e nunca xogar ás definicións foi tan divertido: dodo, caribú, carbúnculo, bonobo...
Logo, chegou o debate. De O home que plantaba árbores, gustounos a perseverancia do ancián no seu soño, na súa idea. E se cada un de nós colle unhas cantas landras e as planta noutra zona, xa que apenas as move o vento? Un pequeno xesto si pode comezar a cambiar o mundo. E vimos que, aínda estando incluída nunha colección moi infantil, a obra non é tan sinxela; máis ben é profunda, tenra, desas que rabuñan nun.
De A terra de Anna, claro que compartimos a importancia da temática -a urxencia da loita contra o cambio climático-, pero botamos de menos algo máis de "chicha" nas relacións persoais, na vida das personaxes. Igual o autor nos empachou con tanta "clase maxistral".
E os adultos, gozaron de toda a sapiencia do noso compañeiro e participante no club Marcos, profe de Forestais.
Foi un pracer escoitalo e aprender que tamén por Tomiño teñen os
castiñeiros os problemas que tiveron na obra que lemos. Con todo, de El clamor de los bosques non nos convenceu a estrutura, en principio, en relatos aparentemente illados, pero lendo, coma nos bosques, aparece un camiño.
Agora seguimos con outras lecturas, compartidas con outros clubs de lectura do Baixo Miño.