Para facer unha guía é precisa a colaboración de todos e todas, só así poderemos acceder a todos os lugares do Concello. Se coñeces unha árbore ou formación vexetal que mereza ser incluída no catálogo, recolle datos sobre ela enchendo unha ficha que podes pedir en Conserxería.
Todos os alumnos e alumnas que participen achegando información sobre algunha árbore senlleira entrarán no sorteo do ORDENADOR PORTÁTIL donado pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño.
Por cada dato proporcionado (correcto e comprobado pola organización) o participante terá unha opción no sorteo. Cantos máis datos traias, máis posibilidades tes de conseguir o ordenador.
As opcións do sorteo chamarémolas COCAS (as bólas dos carballos) e cada participante recibirá tantas cocas numeradas como datos entregue. Utilizaremos as cocas como bólas no sorteo. Se acadamos datos suficientes durante este curso, o sorteo farase no mes de xuño.
O carballo de Vilameán
é un bo exemplo de árbore senlleira
Terán a consideración de senlleiras as árbores e as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecentes de atención en canto ás excepcionais características do seu porte, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras desta especial consideración.
Para clarexar calquera dúbida ou para entregar os datos, diríxete ao Departamento de Ciencias ou ao de Forestais.
Esta é unha iniciativa do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Tomiño, en colaboración cos Departamentos de Bioloxía e de Forestais. Colabora con nós a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, que aporta o premio.