PALABRAS CON MEMORIA é unha iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios.
Esta asociación propón que durante un tempo, para facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltando as súas características. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada "red winter" e a insípida "golden" que lles venden no supermercado. Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais. O EDNL do Centro pon ao voso dispor unha caixa de correo na Biblioteca; nela podedes deixar as VOSAS PALABRAS cubrindo unha papeleta coma esta, e ao remate deste curso farémosllas chegar á AELG.