
O acto contou con presentación teórica powerpoint, lecturas de casos reais e declaracións de vítimas perante o xuiz, música e videoclips de cantautores como Pedro Guerra ou Bebe que trataron nos seus discos o tema da violencia machista. Comezamos presentando as ponentes e facéndonos unha pregunta: ¿É necesario seguir celebrando todos os anos este día? A desposta foi clara e rotunda: mentres siga existindo esta lacra social que produce tanta infelicidade, dor e mesmo a morte a moitas mulleres de todas as idades e clases sociais, SI.
A pesar de que se acadaron avances importantes desde que se promulgou a Lei Integral contra a violencia de xénero e de que cada vez hai máis denuncias e condenas de prisión para os maltratadotes (nos últimos 3 anos suman xa máis de 53.000), o certo é que a violencia machista non recúa. (50 mulleres mortas no que vai de ano).
Todo traballo é pouco para rematarmos de vez con este problema, pois está moi enraizado nunha sociedade que non é igualitaria e que segue opinando que ser forte, violento e impetuoso forma parte natural do home.
É un problema social, mais tamén é un problema individual: todas e todos debemos implicarnos para solucionalo e previr novos casos. O coloquio-debate estivo moi animado e o tempo resultou escaso para aclarar dúbidas e desmontar moitos mitos erróneos que temos sobre a violencia de xénero. Con esta charla aprendemos un pouco máis sobre como loitar contra esta lacra social. ¡Oxalá nun futuro ben cedo non teña razón de ser unha celebración coma esta cada 25 de novembro!