Saltar ao contido principal

As festas do outono.


O pasado luns pola tarde celebramos no instituto unha mestura de Magosto e Samaín nunha festa á que xa nos afixemos nos últimos anos. Moitos alumnos e profesores comemos no centro os saborosos bocadillos e as castañas que prepararon os alumnos de Forestais e as pizas e sobremesas cuxa esmerada elaboración debemos aos alumnos de 4º ESO que este ano irán de viaxe de fin de etapa. Os que quixeron participaron en deportes tradicionais, animáronse co sempre exitoso karaoke ou se presentaron a algún concurso (cabazas, fotografía...). Todo isto, aderezado coa colorida ambientación que correu a cargo do alumnado e profesores de Plástica. E, como o de atoparnos os vivos e os mortos nalgún punto do camiño gústanos tanto, xa temos unha escusa perfecta para ler un libro de terror ou fantasmagórico. Todos estes podedes vir buscalos á biblioteca.






Relatos breves, contos, lendas...
El fantasma de Canterville y otros cuentos, de Óscar Wilde (andel 156, en español).

Os Relatos de terror e os Relatos fantásticos, de H. P. Lovecraft (andel 180, en galego).

O suspense de Edgar Allan Poe, que podedes ler tanto en inglés (andel 29 e 31) como en español (andel 146).

As lendas de G. A. Bécquer (Leyendas, en español, andel 119).



Os clásicos...

A novela gótica de Gastón Leroux, A pantasma da ópera (hai unha edición escolar moi recomendable en inglés, The phantom of the opera, de Vicens Vives, no andel 29).

El extraño caso del doctor Yekyl y mister Hyde, de R. L. Stevenson (en español, andel 151, e en inglés, andel 29).

A romántica criatura que inaugura a moderna ciencia ficción: Frankenstein, de Mary Shelley (andel 149, en español; andel 190, en galego).





Os non-mortos...
E se o que nos gustan son os vampiros, podemos quedarnos co orixinal, o Drácula de Bram Stoker (en español, andel 151), ou consumir un edulcorado sucedáneo (saga Crepúsculo de Stephenie Meller, andel 138, en español).