Como sabedes, nestes primeiros meses de curso estivemos pronunciándonos sobre se o noso centro seguía denominándose co nome da localidade na que se sitúa ou se adoptaba o dalgunha personalidade de relevo vinculada ao noso municipio, nunha toma de decisión que reflectiron os medios de comunicación, tanto a televisión como a prensa.

Antón Hipólito Alonso Ríos (Camporrapado- Silleda, 1887 - Bos Aires, 1980) representa unha loita incansable alentada polo compromiso coa plena soberanía de Galicia, o seu recoñecemento como nación e a defensa das clases populares, a través da súa participación no movemento agrarista e a implicación na colectividades de emigrantes. Tamén procurou a extensión do ensino á zona rural, promovendo un ensino laico, democrático e en galego, como se pon de manifesto na dirección da escola de emigrantes da Aurora del Porvenir en Tomiño.
Foi un destacado orador e articulista, fundamentalmente durante o periodo republicano. Como ensaísta publica Co pensamento na patria galega (Bos Aires, 1942) e A cultura galega na súa dimensión americán (Bos Aires, 1961), sendo figura fundamental da literatura en lingua galega durante o exilio. Posteriormente dará a coñecer a súa fuxida da represión en O Siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte (1979), obra que se reflicte neste documental. Até os últimos anos da súa vida continuará a participar das actividades patrióticas da colectividade galega emigrada.