Saltar ao contido principal

Letras galegas 2017


Este ano, no Día das letras galegas, homenaxéase a Carlos Casares.

Carlos Casares naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, e morreu o 9 de marzo de 2002 en Vigo. Iniciouse nos estudos eclesiásticos aos once anos, tras ingresar no seminario Ourensán, onde viviu un ambiente represivo e con prohibición expresa de utilizar a lingua galega.
 
Cursou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, que finalizará no 1967-68, na especialidade de Filoloxía Románica. Durante estes anos entrou en contacto coa cultura galeguista e co movemento antifranquista estudantil. E, tras finalizar os seus estudos, entre outras ocupacións exerceu a docencia nalgúns centros, onde tivo problemas coa directiva e mesmo acabou expulsado polo seu aberto antifranquismo, ademais de participar en distintas iniciativas de impulso cultural.


Casares, á súa vez, tivo un importante papel como figura pública. De feito, foi un dos asinantes do manifesto Realidade Galega, para lograr un Estatuto Galego, o que situou ao autor en primeira liña política, desembocando a súa participación nas listas do PSdeG-PSOE e membro do primeiro Parlamento de Galicia, no ano 1981. Entre os fitos da súa acción política, destaca a redacción e aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 ou a lei de creación do Consello da Cultura Galega.

Nun segundo plano, Casares centrouse no seu papel de dinamizador cultural, como director de Galaxia e de Revístaa Graal e mesmo presidindo o Consello da Cultura Galega, nos últimos anos da súa vida. Como narrador, o legado de Casares inclúe obras icónicas como Vento Ferido, cunha importante repercusión entre o movemento estudantil ou Xoguetes para un tempo prohibido, cun perfil marcadamente autobiográfico. Destacou, á súa vez, como precursor da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, froito do seu interese por achegar o idioma aos máis novos, con textos como A galiña azul, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas e mesmo a tradución da obra de Antoine de Saint-Exupéry, O principiño.