Achégamonos
nas primeiras propostas lectoras a libros que recorrentemente aparecen nas listaxes de "literatura
de humor". Ese foi agora o noso fío condutor. Serve a literatura para
rir e pensar? Conseguiron estes autores facernos rir ou sorrir?
Aquí deixamos un resumo da primera sesión de debate lector cos dous grupos de club de lectura de alumnado do IES Antón Alonso Ríos.
Os de 1º e 2º ESO tentárono con A miña familia e outros animais, de Gerald Durrel, pero esas looongas descricións de toda caste de bichiños fixeron que botaramos de menos máis diálogos, que si eran atolados e chispeantes. O mellor foi poder comparar o noso profe de bioloxía Carlos Villanueva co protagonista do libro, con Gerry; Carlos e a súa colección axudáronnos a valorar a diversidade biolóxica e a diversidade de gustos polo que facer no tempo de cadaquén.
Na quedada tamén houbo un momento contacontos, porque os libros ilustrados non son só para a rapazada pequena. A mirada delicada aos artrópodos favoreceuna a carta, a modo de prólogo e epílogo, do Compendio médico del Dr. Podalirius, un doutor de insectos que nos fixo entender que, incluso sen ás, podemos voar.
Os máis maiores do club achegáronse a La tía Mame, protagonizada por unha desas familiares típicas que te pon histérica/o pero quérela. No libro móstrase a sociedade neoyorkina e tamén os tipos do sur. E en Galicia? Rímonos tamén os do norte dos de máis ao sur? Agora que vén Nadal, parece que Vigo pide memes a berros. E así analizamos a relación entre estereotipos e márketing dixital a través da canle do xornalista galego Rubén Bastón.
Verémonos pronto para unha sesión monográfica de libros ilustrados. Queremos que os integrantes dos clubs de lectura do IES Antón Alonso Ríos actúen de comité de selección deste tipo de materiais para a nosa biblio.