Xuntouse de novo o Club de Lectura de Adultos do IES Antón Alonso Ríos para debater sobre o controvertido Wilt, de Tom Sharpe, seica disque un clásico memorable de humor.
Wilt segue sorprendendo corenta anos despois da súa publicación, pero cremos que moitas situacións supostamente cómicas da trama non superaron ben o paso dos anos. Coma o protagonista, os membros do club tamén nos preguntamos se é necesaria unha formación literaria mínima sexa cal sexa o perfil laboral do alumnado no futuro. E, en calquera caso, cal é o canon literario básico? Igual non as propostas que Wilt levaba ás clases.
Coma se se tratase dunha entrega dos Monty Python, si nos gustaron moitos as páxinas dedicadas ao famoso interrogatorio entre o profesor Wilt e o inspector Flint, porque a realidade máis absurda pode cuestionar os grupos de poder.
E xa demos paso á experiencia lectora coa que agasallamos aos membros do club para este Nadal: El clamor de los bosques, de Richard Powers, obra gañadora do Premio Pulitzer 2019 e finalista do Premio Man Booker.
Verémonos pronto, antes de que remate o ano, para unha sesión monográfica de libros ilustrados. Queremos que os integrantes dos clubs de lectura do IES Antón Alonso Ríos actúen de comité de selección deste tipo de materiais para a nosa biblio.