Na xuntanza de debate lector, primeiro quixemos coñecer algo máis sobre a autora do libro: a divulgadora científica Sónia Fernández-Vidal. A integrante do club Raquel, de 1º ESO C, verdadeira lectora fascinada pola física e seguidora dos pasos da escritora, contounos algúns datos desta científica catalá. Ata nos mostrou toda a súa colección de libros seus desta materia!
A lectura tivo puntos claros e outros escuros, máis duns ou doutros segundo cada un de nós. Houbo quen agradeceu que a autora suavizara un tema como a física cuántica para facilitar que ata os rudos na materia entenderamos certas leis. Houbo quen se centrou máis na parte narrativa e botou en falta algo máis de relación humana na historia. Con todo, compartimos co protagonista o valor da amizade e do amor. Tamén concordamos co sentido de moitas sentenzas do libro, sobre todo esta:
"Se queres que sucedan cousas diferentes, deixa de facer sempre o mesmo."
Ah, tamén estivemos todos de acordo en que nas clases e na vida hai que preguntar dúbidas, porque, como din no libro: "Se preguntas, parecerás parvo un día; se non preguntas, serás parvo toda a túa vida."