Saltar ao contido principal

Conversa sobre A neta do señor Linh

Os luns, de cando en cando, son días de Club. Porque o luns 26 de novembro tamén se xuntou o club de lectura de adultos do IES Antón Alonso Ríos. 

Á cita das 7 do serán chegaron os compoñentes logo dunha lectura que lles resultou grata, entrañable e tamén triste e potente.
Quen máis quen menos soubo dende ben pronto dos xogos do autor coa nosa lectura, mais deixámonos levar coas súas pistas pasadías, como as greas de xente que arrastraban pola urbe ao noso protagonista, un señor Linh que situamos xeograficamente pero que logo localizamos en moitos lugares posibles, en calquera do que ás veces é preciso ou urxente fuxir. 

Agradounos especialmente como a verdadeira amizade sobrepasou as barreiras idiomáticas, para tecer lazos, dende a lingua nai de cadaquén, que se asenten nunha linguaxe universal de respecto aos sentimentos e ás emocións, nomeadamente ás que teñen raíces culturais. 

Ao remate da sesión, lemos algunhas das pasaxes que nos rabuñaron a medula e, así, co sabor doce dos nosos petiscos, quedamos citados para o luns 17 de decembro, día en que recolleremos a nosa lectura de Nadal.