Saltar ao contido principal

Publicacións

Santa Cecilia

Para celebrar a Patroa da Música (22 de novembro) e dado que hai tanta xente afeccionada a esta arte na nosa contorna, a Biblioteca realizou unha exposición no seu taboleiro do vestíbulo do centro, elaborada polo alumnado do Proxecto Interdisciplinar "Educación Documental", 1º ESO-D. Esperamos que vos gustase!

Tempo de setas

Os nosos compañeiros do Ciclo de Traballos Forestais montaron unha exposición no centro estes días coas setas e cogomelos propios da nosa zona. Tras realizar unha saída para recoller os exemplares, clasificáronos con detalle para que poidas velos e aprender a recoñecelos. Por suposto, na Biblioteca temos varias guías de setas e cogomelos que podes consultar. Na mostra que nos ofrecen podes atopar todo tipo de cogomelos, desde os máis tóxicos, como diversos tipos de amanitas, ata os máis exquisitos, como andoas, cantarelas, zarrotas, etc. Cada exemplar está identificado co nome científico, o nome galego e unha icona que indica a súa comestibilidade ou toxicidade. Se che gusta a natureza e queres traballar ao aire libre, o Ciclo Medio de Traballos Forestais e Conservación do Medio Natural é unha boa opción. Aprenderás, entre outras moitas cousas fascinantes, a cultivar as túas propias setas. Infórmate!

Seminario de graffiti

Anxo Fariña visitou o noso centro o luns 27 de outubro para impartir un seminario de graffiti, organizado pola Xunta, no noso caso foi para o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO C. Anxo Fariña é autor, entre outras obras, da serie dos Megatoxos , que podes conseguir na nosa Biblioteca.

Premiados

Moitas grazas a todos e todas pola acollida dispensada á nosa exposición! Estes son os gañadores da primeira edición do Biblioconcurso: José Romero, 2ºbac B Hugo Freijeiro, 2º bac B Roque Fernández, 2º bac B Jonathan Daniel Salguero, 1º ESO - D Juan Alvarez, 1º ESO - D Os premiados poden pasar pola biblioteca a recoller o seu agasallo... e se non obtiveches ningún premio non desesperes, o curso só acaba de comezar, pronto terás outra oportunidade.

Día das Bibliotecas

Para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, hai unha exposición no vestíbulo do instituto, e nela tedes a posibilidade de participar no Biblioconcurso. Animádevos, que é moi doado!!

Coñecer mellor a biblioteca

Na páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia encontramos unha divertida actividade para coñecer mellor o funcionamento dunha biblioteca, elaborada polo CEIP Condesa de Fenosa (O Barco). O profesorado que acuda á aula de informática pode aproveitar para realizala cos seus alumnos e alumnas. Animádevos, que está moi ben! Só hai que pinchar aquí .