Saltar ao contido principal

Publicacións

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Podes atopar o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos no andel de Novidades da nosa Biblioteca. Ou podes pedírllelo aos Reis... Tamén podes visitar o blog de Carlos Callón

Nova radio en galego

Saudamos con alegría a Anfiteatrogzradio, un proxecto de radio online en Galego, que fomenta os grupos musicais galegos, a literatura do noso País, os blogs do blogomillo... e todo canto teña cabida no mundo da cultura. Anfiteatrogzradio Podes colaborar enviando temas musicais se tes unha banda, ou enviando os teus propios podcasts, ou simplemente sintonizando esta radio xa que precisan 130 horas de audiencia diaria para manter viva a iniciativa. Nós engadimos o enlace aos nosos favoritos!

Tomiño pronto terá a súa biblioteca

Tomiño pronto terá a súa biblioteca municipal! Será nun lugar céntrico e accesíbel para os potenciais usuarios, ao lado do mercado, na antiga casa do médico, que será rehabilitada coa axuda do ministerio de Fomento, grazas a un convenio que a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asinará proximamente. Celebramos esta noticia, que podes ampliar aquí .

Tomiñés ilustre

A proposta de todos os grupos e, por unanimidade, a corporación de Tomiño decidiu nomear fillo predilecto do concello a Xosé Luís Franco Grande. Nado na parroquia de Tebra, no concello de Tomiño, no ano 1936, Franco Grande, que estudou Dereito na Universidade de Santiago e exerceu a avogacía como asesor xurídico da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, é unha figura destacada do galeguismo, escritor e membro da RAG. É polas súas importantes achegas á cultura galega e pola súa traxectoria intelectual que se lle nomea fillo predilecto. Foi autor no ano 1968 do Dicionario galego-castelán de Galaxia, libro que serviu de guía ás primeiras xeracións de estudantes de galego. Tamén afondou na poesía, no teatro e no ensaio, chegando a gañar o Premio Eduardo Pondal. A corporación tomiñesa celebrará proximamente un acto para formalizar o nomeamento.

O polémico retorno de Guillermo de Baskerville

      O escritor italiano Umberto Eco volveu a escribir a novela que lle deu fama, El nombre de la rosa , para facela máis accesible ás novas xeracións. O obxectivo é que os que só coñecen a obra por fragmentos lidos en internet poidan lela completa sen dificultade.       A novela publicouse por primeira vez en 1980, é un auténtico éxito de vendas traducido a máis de 47 linguas e moitos a consideran un dos cen títulos fundamentais do século XX.       En  El nombre de la rosa  dous monxes, o franciscano Guillermo de Baskerville (personaxe baseado no filósofo Guillermo de Occam e no detective literario Sherlock Holmes) e o seu pupilo, Adso de Melk, investigan unha serie de asasinatos nun mosteiro benedictino, todos eles relacionados cun libro prohibido. En 1986, o cineasta francés Jean-Jacques Annaud rodou unha adaptación cinematográfica, con Sean Connery no papel de Baskerville e Christian Slater como ...

Contos estraños

A nosa iniciativa favorita deste mes é a que nos chega da man de Contos Estraños e consiste na procura de novos escritores e ilustradores para comezar con este proxecto editorial. Aceptan toda clase de orixinais relacionados co mundo do estraño, o fantástico e o grotesco. Nos textos, os formatos preferidos son o conto e a novela curta (estas últimas publicaranse por entregas). Os textos deben ir escritos en galego, ou, no caso de estaren escritos noutra lingua e interesen para a súa publicación, a súa tradución correrá por conta do autor. Xunto co orixinal debe entregarse unha breve sinopse e unha pequena reseña biográfica. A recepción de orixinais farase no correo electrónico contosestranhos@gmail.com , pero podes ampliar esta información e seguir a evolución desta iniciativa desde a páxina  Contos estraños que queda agregada aos nosos favoritos.