Saltar ao contido principal

Publicacións

Eclipse o día 4

O día 4 de xaneiro de 2011 vaise producir unha eclipse parcial de sol que en España será moi madrugadora: o máximo producirase sobre as 8:45 - 9:00 h, de maneira que na nosa zona o sol xa sairá eclipsado, pois o mencer é ás 9:01 (todas estas son as horas locais). A porcentaxe de sol eclipsado pode variar, estando en torno ao 65% no norte peninsular. Vale a pena madrugar e esperemos que o tempo acompañe, porque ata novembro de 2013 non teremos, na nosa rexión, outra oportunidade coma esta. Non esquezades que para observar a eclipse debedes usar filtros adecuados ou adquirir uns lentes especiais que soen vender nas ópticas por moi bo prezo. Tamén valen os cristais de protección dos soldadores que estean numerados do 14 ao 16. Que tempo fará o día 4? : aquí

Lectura e Fotografía

A Biblioteca do IES de Tomiño vén de convocar un certame de fotografía que vos vai gustar, para toda a comunidade educativa (alumnado, persoal do centro, familias...) e con premios en metálico. O vindeiro mércores 22 entregarase, xunto co boletín de notas, un precioso folleto coas bases de participación, que tamén podedes consultar e descargar na páxina web do centro, no apartado "biblioteca".

Por riba da media española, pero por debaixo da OCDE

INFORME PISA O Informe do Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, ou Informe PISA polas súas siglas en inglés (Programme for International Student Assessment) baséase na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames mundiais que se realizan cada tres anos e que teñen como fin a valoración internacional dos alumnos. Este informe é levado a cabo pola OCDE (Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico), que se encarga da realización de probas estandarizadas a estudantes de 15 anos, medindo a competencia en ciencia, a competencia matemática e a comprensión lectora. Acaban de publicarse os resultados do último informe, no que participaron ao redor de 65 países, e se ben Galicia se sitúa por riba da media estatal nos tres apartados, non hai que esquecer que España está por debaixo da media da OCDE, así que aínda é moito o que nos queda por mellorar. Ampliar esta información aquí

Redelibros

Nace a primeira rede social galega adicada aos libros: redelibros que vai ser punto de encontro para todo o universo do libro en Galicia: lectores, escritores, libreiros, bibliotecarios, editores, etc. Esta rede permite ao usuario crearse un perfil e participar en foros de debate, chatear cos amigos, subir textos propios, títulos novos e arquivos de audio, comentar e recomendar obras, entre otras cousas. Pódese consultar máis de un millón de libros, e moitos destes títulos ademais ofrecen o primeiro capítulo na rede. O papasol celebra esta iniciativa e xa se rexistrou así que vémonos alí e comentamos as nosas lecturas!

Semana da Ciencia na nosa Biblioteca

Do 8 ao 21 de novembro Como cada mes de novembro, o mundo da ciencia e a innovación quere achegarse a ti co gallo da Semana da Ciencia , o maior evento de comunicación social da ciencia e a tecnoloxía. En realidade son quince días nos que os museos, universidades, centros de investigación, parques tecnolóxicos e mesmo empresas, organizan exposicións, cursos, visitas, obradoiros, mesas redondas, excursións ou conferencias, amosando ao público en xeral o seu traballo diario, tanto nos aspectos máis curiosos como nos máis descoñecidos. A nosa Biblioteca, consciente da necesidade de crear un entorno social máis proclive á ciencia e á innovación, súmase a esta celebración organizando unha exposición de libros de temática científica , co obxectivo de aprender sobre ciencia, afeccionarnos a ela e atopar respostas a moitos interrogantes que xorden na vida cotiá. Neste sentido Mariló Fernández Mira , profesora de Matemáticas, recomenda ao profesorado un dos libros que a Biblioteca che ofrece: L...

Regresa a HORA DE LER

O vindeiro martes 2 de novembro retomamos a nosa Hora de Ler , unha sesión de lectura semanal, simultánea para toda a ESO, da que tedes información nas aulas de referencia e nos taboleiros do centro. As caixas de lectura xa foron depositadas en todas as aulas, e como novidade tedes este ano, en cada caixa, unha libretiña para apuntar as incidencias, dúbidas e suxestións que vaian xurdindo. Na mesma libreta podedes anotar as vosas opinións sobre os libros que leades, e todas as persoas que o fagan, profesores e alumnos, entrarán no sorteo de lotes de libros e material escolar que se fará no mes de abril, con motivo das celebracións do Día do Libro .