Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2019

AGASALLA EXPERIENCIAS LECTORAS

Neste Nadal e sempre, agasalla experiencias lectoras! A Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos puxo en marcha unha campaña de animación á lectura orientada a toda a comunidade educativa e, sobre todo, ao alumnado. E de agasallo por participar, un marcapáxinas-calendario de 2020. Os materiais da nosa biblioteca foron e son adquiridos con fondos públicos e son, xa que logo, de todos e todas. Queremos que saian das paredes da biblioteca, que salten dos andeis, que se toquen, que se cheiren, que cheguen ás casas porque si, porque nos gusta ler, porque queremos animar a ler, porque queremos que lle collades o gusto a ler... Porque ler pode facernos sentir grandes experiencias.    Así naceu AGASALLA EXPERIENCIAS LECTORAS.   Por grupos,  os nosos alumnos e alumnas foron pasando pola biblioteca e animámolos a autoagasallarse ou a regalarlle á familia unha experiencia lectora. E non hai como animar e non obrigar (Que si, de verdade, do libro que levedes non h...

Voluntariado na biblioteca 2019/2020

Equipazo de Voluntariado na biblioteca! Grazas por responder á nosa chamada e grazas xa polo voso compromiso e estusiasmo. Neste curso 2019/2020, a Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos conta cun equipo de voluntariado. Repartidos en pequenos equipos por días, veñen no recreo a botarlles unha man aos compañeiros a atopar o libro que buscan, recolocan as devolucións, axudan nas dinamizacións da biblioteca...  Ademais dun agasallo de Nadal, ao final de curso obterán unha certificación oficial da súa colaboración e irán de visita a outras bibliotecas xunto cos integrantes dos clubs de lectura.  Grazas polo voso apego aos labores culturais e á dinamización dun espazo lector como é a biblioteca.

Ruta de álbum ilustrado

Para pechar as xuntanzas dos nosos clubs de lectura por 2019, fixemos unha ruta literaria. Equipaxe? A maleta de álbum ilustrado para Secundaria do CFR de Vigo. Nesta actividade cos Clubs de Lectura  de alumnado e de adultos do  IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), os seus compoñentes  actuaron de comité de selección dunha morea de álbums ilustrados e suxeriron as obras que estaría ben adquirir para a nosa biblioteca. Gustounos confirmar que, en canto á literatura, tamén hai tantos gustos coma cores. E preguntámonos: para unha biblioteca escolar, só o profesorado pode escoller materiais? Dámoslle voz e voto ao alumnado que queremos invitar a ler á hora de adquirir obras?  Pódense abrir canles para que tamén suxiran materiais outros membros da comunidade educativa? Dende o Equipo de Biblioteca estabamos seguros de que os membros de clubs de lectura serían un bo comité de selección. Pedímoslles argumentación a favor ou en contra da compra e xa temos unha listaxe list...

A arte de narrar, con Puri Ameixide

A profesora Puri Ameixide xuntouse na nosa biblioteca cos seus lectores de Claro de lúa , a súa última novela publicada. Este pasado venres día 13 de decembro, o alumnado de 2º de Bacharelato asistiu á charla titulada "A arte de narrar: Claro de lúa ". Deixamos neste vídeo un resumo do encontro coa autora, un momento cheo de sorrisos. 

Para rir e pensar, tamén vale ler

Achégamonos nas primeiras propostas lectoras a libros que recorrentemente aparecen nas listaxes de "literatura de humor". Ese foi agora o noso fío condutor. Serve a literatura para rir e pensar? Conseguiron estes autores facernos rir ou sorrir? Aquí deixamos un resumo da primera sesión de debate lector cos dous grupos de club de lectura de alumnado do IES Antón Alonso Ríos. Os de 1º e 2º ESO tentárono con A miña familia e outros animais, de Gerald Durrel, pero esas looongas descricións de toda caste de bichiños fixeron que botaramos de menos máis diálogos, que si eran atolados e chispeantes. O mellor foi poder comparar o noso profe de bioloxía Carlos Villanueva co protagonista do libro, con Gerry; Carlos e a súa colección axudáronnos a valorar a diversidade biolóxica e a diversidade de gustos polo que facer no tempo de cadaquén.  Na quedada tamén houbo un momento contacontos, porque os libros ilustrados non son só para a rapazada pequena. A mirada delicada aos...

Lecturas (adultas) para rir e pensar

Xuntouse de novo o Club de Lectura de Adultos do IES Antón Alonso Ríos para debater sobre o controvertido Wilt , de Tom Sharpe, seica disque un clásico memorable de humor. Wilt segue sorprendendo corenta anos despois da súa publicación, pero cremos que moitas situacións supostamente cómicas da trama non superaron ben o paso dos anos. Coma o protagonista, os membros do club tamén nos preguntamos se é necesaria unha formación literaria mínima sexa cal sexa o perfil laboral do alumnado no futuro. E, en calquera caso, cal é o canon literario básico? Igual non as propostas que Wilt levaba ás clases.  Coma se se tratase dunha entrega dos Monty Python, si nos gustaron moitos as páxinas dedicadas ao famoso interrogatorio entre o profesor Wilt e o inspector Flint, porque a realidade máis absurda pode cuestionar os grupos de poder. E xa demos paso á experiencia lectora coa que agasallamos aos membros do club para este Nadal: El clamor de los bosques , de Richard Powers, obra gañ...

Entrevista á escritora Sonia Mirón

O IES Antón Alonso Ríos tivo o pracer de contar coa escritora Sonia Mirón como docente e, dende o Equipo de Biblioteca, aproveitamos para facerlle unha pequena entrevista. Ademais, durante un recreo, celebrouse unha sinatura de libros da escritora.

24 de outubro, Día das Bibliotecas

Somerxidos no curso 2019/2020, a Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos comezou este período como centro de nova incorporación ao PLAMBE , Plan de mellora de bibliotecas escolares. No noso proxecto, segue sendo clave a realización de actividades de formación de usuarios autónomos da biblioteca e de fomento da lectura. Para celebrar o Día das Bibliotecas , neste 24 de outubro queremos invitar á lectura e formar como usuarios ao persoal laboral do noso instituto, porque o seu grao de implicación coa lectura e o aproveitamento que fagan da biblioteca será importantísimo para facilitar que o noso alumnado acceda tamén a estes recursos.  Que argallou o Equipo de Biblioteca? Invitou a café e repartiu sorbos de lecturas : suxestións lectoras para o persoal docente e o de administración e servizos para celebrar o Día das Bibliotecas. E por se se animan a pasar polo biblio e darlle unha oportunidade ao libro que lle recomendamos, tamén os convidamos a unha formación de usuarios só par...

Tres, dous, un... Clubs de Lectura 19/20

Xa houbo primeira vez dos Clubs de Lectura 2019/2020. Son tres os grupos lectores neste curso: - grupo de 1º e 2º ESO (15 integrantes) - grupo de 3º ESO, 4º ESO, Bacharelato e FP (9 integrantes) - grupo de adultos  (9 integrantes) Para comezar as xuntanzas, nada como buscar un bo principio. Debatemos sobre o que nos ten que dar un libro no seu comezo para que piquemos no anzol. Seica estes son grandes comezos, grandes íncipits da historia da literatura. En grupos, buscámolos na nosa biblio -porque sabemos moito da CDU...!-, lemos o íncipit e valorámolo. Igual os gustos están cambiando moito nas novas xeracións, porque ao alumnado non lle din moita alá moita cousa as primeiras palabras ou liñas de grandes obras da literatura universal.  Os tres clubs quedamos en ler con puntos de conexión. Neste primeiro trimestre, a unión quere ser o humor. Disque as obras propostas espertaron o riso noutros lectores. E a nós? Somos de risa lixeira? Será un libro capaz de facerno...

Paseo literario con Claro de lúa

Para clausura o Club de Lectura de Adultos, creado este curso no IES Antón Alonso Ríos, compartimos unha lectura moi especial con outros grupos lectores do Baixo Miño. Xunto co CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, co CEIP Pintor Antonio Gonzáles de Goián, lemos Claro de lúa , a última novela da nosa compañeira Puri Ameixide. Guiados por ela, percorremos os lugares literarios da novela: Pías, A Pasaxe, o esteiro da desembocadura do río Miño, a praia do Muíño... E mentres iamos andando, dabamos en falar sobre as personaxes da obra, do papel e os soños de cada un, dos xiros da historia e da Historia... Todo quedou recollido neste vídeo-resumo:

Saída lectora co Club de Lectura do Baixo Miño

Durante este curso, botou a andar o Club de Lectura do Baixo Miño, composto polos grupo de alumnado destes centros educativos: CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), IES A Sangriña (A Guarda), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e mais o noso.  Estes catro centro xuntámonos en tres ocasións e este é resumo en vídeos do última quedada.    Fomos ata Vigo, para facer a ruta literaria de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta , guiados pola propia autora. Na cidade olívica tamén visitamos dúas tipoloxías de bibliotecas públicas: a Biblioteca Nodal Xoán Compañel e a Biblioteca-Centro de Documentación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.  Logo trasladámonos ao escenario de A praia dos afogados en   Panxón (Nigrán). Durmimos unha noite da Residencia de Tempo Libre de Panxón e, ese venres á noitiña, celebrouse unha actividade en torno á narración oral a partir do álbum ilustrado Los misterios del señor Burdick .  O sábado pola mañá tivo lug...

Clubs de lectura da ESO: última quedada 18/19

Vén fin de curso e, antes de centrarnos no empacho de exames, quixemos clausurar os nosos dous clubs de lectura da ESO. Este ano consolidáronse dous grupos: o de 1º e 2º ESO e o de 3º e 4º ESO. Con todo, gustounos facer as xuntanzas o mesmo día e todos escoitaron as intervencións de cada un de nós e o debate sobre as lecturas. Aprendemos lendo, falando, escoitando, debatendo... Neste 3º trimestre, lemos por moitos motivos, e ler para logo ir de ruta tamén é unha razón moi válida. Xunto coas nosas novas amizades do Club de Lectura do Baixo Miño (IES A Sangriña, IES Indalecio Pérez Tizón e CPI Manuel Suárez Marquier), acordamos ler:  - Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta , de Ledicia Costa, entre o alumnado de 1º e 2º ESO. - A praia dos afogados , de Domingo Villar, entre os que cursan 3º e 4º ESO. Logo de xantarmos xuntos, e antes do debate lector propiamente dito, botámoslle unha xincana das nosas. Desta volta, como se foramos Leo Caldas, tocounos Ca...

E ti, como les? Concurso de fotografía

Como ben sabedes, este ano a biblioteca do noso IES está a vivir un tremendo cambio de look que non poderemos dar por rematado sen coñecer como le a nosa comunidade educativa . Di Daniel Pennac en Como unha novela  que os lectores temos, entre outros nove, o dereito a ler en calquera sitio... Mais en que sitios le a nosa comunidade educativa? Estamos desexando coñecelo, e por iso lle pedimos ao noso alumnado de 3º ESO que nos axude: entre o 4 e o 17 de maio poderedes enviar á conta de correo da biblioteca (btomino@gmail.com) un retrato lector , isto é, unha fotografía de unha, dúas... persoas lendo. De entre estas fotografías escolleremos cinco finalistas, que quedarán expostas na nosa biblio ata o vindeiro curso. Ademais, a comunidade educativa votará para escoller a súa fotografía favorita e o seu/súa autor/a levará un agasallo especial! As bases quedarán expostas nos taboleiros das aulas de 3º ESO. Para calquera dúbida, enviar un email á conta da biblioteca. Animáde...

As superaventuras de 2º ESO

O pasado 5 de abril, o noso alumnado de 2º ESO participou nun novo concurso de microrrelatos. Esta vez o reto era compoñer a primeira superaventura da heroína que vedes na fotografía en apenas 30 liñas, todo un desafío! Mais, como de costume, os/as nosos/as estudantes saíron airosos, poñendo nun bo problema ao noso xurado, que tivo que escoller só cinco finalistas. Agora é a vosa quenda, queridos lectores! Xunto á entrada da sala de profesores poderedes atopar os microrrelatos finalistas, as papeletas e a urna para os votos: elixide ao gañador do concurso As superaventuras !

Unha 'Limpeza de sangue' con Rubén Ruibal

Porque o teatro tamén se pode e se debe ler, invitamos a vir de visita e tertulia ao autor de Limpeza de sangue , o dramaturgo Rubén Ruibal. O alumnado de 4º ESO realizou unha lectura dramatizada desta obra pola que Ruibal recibiu o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2005 e mais o Premio Nacional de Literatura Dramática  en 2007. Neste 2º trimestre, puidemos ir falando con el e soubemos que ideou a obra como unha homenaxe ao seu mestre nisto do teatro, a Roberto Vidal Bolaño. Coñemos a motivación para as personaxes que aparecen, tan reais como real foi a dureza coa que as drogas, a corrupción e o amiguismo se asentaron en calquera cidade, coma a cidade galega en que habitan estas personaxe de Limpeza de sangue . Rubén Ruibal asinounos exemplares do libro seu que lemos e tamén nos agasallou con outras obras del para a nosa biblioteca. Así pois, recomendamos ler teatro, porque podemos imaxinar a escificación, porque os diálogos conseguen que a ...

Visitaranos o dramaturgo Rubén Ruibal

O IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) organiza, o mércores 27 de febreiro, un encontro literario co dramaturgo galego Rubén Ruibal. O alumnado de 4º ESO, lector da obra Limpeza de sangue, pola que o autor recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura en 2007, conversará con Ruibal sobre as amizades inamixables nunha cidade galega quizais si imaxinable que se retrata no seu libro. A trama sitúase na cidade herculina na época do boom inmobiliario e nela trátanse temas como a corrupción, a drogadicción ou a delincuencia a través, sobre todo, da amizade de dúas personaxes de distinta clase social pero igualadas pola enfermidade. O encontro, que comezará ás 12:50 horas, terá lugar no salón de actos do IES Antón Alonso Ríos.

Aprendemos máis sobre a banda deseñada

Este ano, o proxecto interdisciplinar do IES Antón Alonso Ríos trata a banda deseñada, un xénero artístico e literario no que podemos atopar obras máis e menos coñecidas. Pero, en que consiste este xénero realmente? Cantas temáticas e formatos podemos atopar nel? O alumnado de 4º ESO descubríu algunhas cousiñas novas sobre a banda deseñada o pasado venres 8 de febreiro. Agora será esta rapazada a que investigue e amose toda a variedade que podemos atopar neste fermoso xénero!

Conversa sobre: Del color de la leche

Vai o 2019 andando e segue en ruta o Club de Lectura de Adultos. Durante o Nadal, estivemos tapados do frío coas páxinas da nosa segunda lectura: Del color de la leche , de Nell  Leyshon.  Amizades coa lectura como entremento principal recomendáronnos esta obra e, en xeral, resultou sorpresiva no estilo de escrita. Os máis afeitos a ler obras de suspense pronto adiviñaron o final, rápido ataron cabos. No que si estivemos moitos de acordo é nas similitudes da cultura da obra coa cultura galega doutros tempos, mesmo o humor da protagonista nos parecía galego. Se non nos din onde está ambientada podería pasar por galega. Logo, realizamos unha rolda de propostas lectoras: cadaquén tiña que traer unha recomendación lectora. Varios foron os que non se puideron limitar a unha soa peza, mais así xa temos o caixón das futuras lecturas cheo de opcións. Entre todos os partipantes, escollemos a que vai ser a nosa cuarta lectura. Para máis adiante, falamos dela, ou delas, porque...